O IGFAE lidera unha proposta para redefinir a análise das ondas gravitacionais
13 de Decembro de 2023
O traballo é froito dunha colaboración do IGFAE coa Universidade de Valencia e a Chinese University of Hong Kong

Juan Calderón Bustillo, investigador «La Caixa Junior Leader» e «Marie Curie Fellow» do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, publicou un artigo sobre os máis de 50 anos de estudo dun dos campos máis prometedores da astrofísica: as ondas gravitacionais. No artigo publicado na revista Physical Review X., os autores «danlle a volta á tortilla» dos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos. O traballo é froito dunha colaboración do IGFAE coa Universidade de Valencia e a Chinese University of Hong Kong.
Que son as ondas gravitacionais e como se detectan?
As ondas gravitacionais son ondulacións no tecido espazo-temporal que viaxan á velocidade da luz e que se producen como consecuencia dos eventos máis violentos do Universo, como as fusións de buratos negros ou as explosións de estrelas (supernovas). Foron preditas por Albert Einstein hai máis de 100 anos, pero non se observaron directamente ata o ano 2015, cando o conseguiron os experimentos LIGO (no que participa o IGFAE) e Virgo.
Estes eventos mídense cunha combinación de dúas ferramentas: úsanse os datos recompilados polos detectores LIGO e Virgo e, a continuación, compáranse cos modelos teóricos que describen as ondas esperadas para cada posible fonte destas ondas, as cales podemos simular con superordenadores. En esencia, todo funciona como unha desas aplicacións que poden adiviñar que canción estamos escoitando ao activar o micrófono do teléfono móbil.
Integrais, derivadas, simulacións teóricas e información de detectores
«Un problema de todo este proceso é que a maioría das simulacións que se realizan non son capaces de darnos directamente o «tremor» do espazo-tempo que len os detectores. No seu lugar, dannos algo equivalente á súa aceleración, o que obriga os científicos a facer dúas integrais das simulacións», explica Juan Calderón, que acaba de obter a prestixiosa bolsa Ramón y Cajal da Axencia Estatal de Investigación.
O Dr. Isaac Wong, da Universidade China de Hong Kong e colíder do estudo, explica: «Aínda que a operación de realizar integrais pode parecer sinxela, pode producir erros que só sabemos controlar para casos relativamente simples, como as fusións de buratos negros en órbitas circulares que LIGO e Virgo viñeron detectando ata agora».