Entregados os premios do V Concurso de Comunicación Científica do IGFAE

19 de Maio de 2023

Entregados os premios do V Concurso de Comunicación Científica do IGFAE

O xurado da quinta edición do Concurso de Comunicación Científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías que organiza IGFAE,que forma parte da Rede CIGUS de excelencia científica promovida pola Xunta de Galicia,acaba de facer público o ditame cos traballos ganadores de entre as 33 obras recibidas.

Na categoría de artigo divulgativo, o premio é para Caetano Eirea Orro por «Entendendo o Nobel de física 2022», un ensaio explicativo, ben fiado, que presenta moi ben a importancia do traballo dos premiados John Clauser, Alain Aspect e Anton Zeilinger, cunha clara vocación de axudar os lectores non iniciados na comprensión do que é o entrelazado cuántico e as súas aplicacións á vida cotiá.

En canto á categoría de fotografía científica, o xurado decidiu por unanimidade que a imaxe de Laura Mercadé Morales, «Una rayuela particular», é a ganadora pola súa orixinalidade á hora de representar o modelo estándar de física de partículas, así como a súa coidada composición e simbolismo.

Na categoría de vídeos divulgativos, o xurado considera Retos tecnolóxicos do CERN de María Caseiro Arias e Juan Pablo García Amboage como o traballo ganador, baseándose na calidade do material audiovisual do vídeo, que é de produción propia, con recursos de imaxe orixinais e atractivos e unha narración coidada e moi didáctica. As imaxes e o discurso compleméntanse perfectamente. O feito de enfocarse nun tema moi concreto fai que este sexa accesible para a audiencia e logre transmitir os conceptos dunha maneira entretida e efectiva. O xurado considerou tamén facer unha mención especial a O descubrimento do Sagitario A* e o M87 de Nicolás Lozano López, un vídeo moi completo, moi ambicioso e moi actual, no que destaca un guión moi ben estruturado e locutado.

O premio para a nova categoría de proxectos orixinais desta edición recaeu en Andrey Sadofyev con «Elementary bones», quen presenta un xogo de mesa no que, a través dun taboleiro, se poden entender mecanismos de reacción e detección en física de partículas. Concédese o premio pola súa capacidade de comunicar dun modo sinxelo conceptos da física de maneira orixinal a través dunha experiencia de xogo adecuada a un amplo rango de idades.

As obras presentadas ao concurso, aberto a persoas de calquera país, debían ter relación coa física, en particular con aquela que é obxecto de estudo no IGFAE, centro que forma parte da Rede CIGUS. Á hora de valoralas tívose en conta o rigor e a calidade dos conceptos presentados, a orixinalidade e interese do tema e a capacidade de comunicar o contido a público non experto. Os catro ganadores recibirán un premio de 400 euros cada un.

Esta actividade é unha iniciativa do grupo de divulgación do IGFAE, forma parte da V Semana da Ciencia do IGFAE e cofinánciase con cargo ao Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Subir ao principio Subir ao principio