Éxito de participación do CICA na XL Bienal de Química

7 de Xullo de 2025

Éxito de participación do CICA na XL Bienal de Química

Persoal investigador do CICA, centro de investigación adscrito á Universidade da Coruña e membro da rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica—, participa na XL Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).

A XL Bienal de Química é o principal evento nacional da área. Celebrada en Bilbao do 30 de xuño ao 3 de xullo de 2025, esta edición reuniu máis de 1.200 profesionais, entre investigadores, docentes e representantes da industria, procedentes de 21 países.

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) contou coa participación de máis de 60 dos seus investigadores nesta Bienal, mediante comunicacións orais, pósteres e presenza en distintos simposios temáticos. Coa súa contribución, o persoal investigador reforza o compromiso coa investigación de excelencia e coa visibilidade internacional do CICA.

A Bienal estruturouse en 16 simposios distribuídos en 5 sesións paralelas, nos que se analizaron as liñas de investigación máis avanzadas da química actual, incluíndo química sintética, organometálica, verde, supramolecular, ciencia de materiais, bioloxía química e aplicacións na conservación do patrimonio. A isto engadíronse 8 conferencias plenarias, 100 conferencias convidadas, preto de 200 presentacións orais, 190 comunicacións flash e 630 pósteres.

O encontro destacou non só pola súa gran afluencia e calidade científica, senón tamén polo seu carácter interdisciplinar e pola súa capacidade para fomentar o diálogo entre a academia, a industria e os ámbitos tecnolóxico e social.

Subir ao principio Subir ao principio