Expertos europeos debaten no CINBIO os últimos avances na investigación sobre o envellecemento e as enfermidades relacionadas coa idade
13 de Xuño de 2024

O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, reúne esta semana persoal investigador de diferentes países da Unión Europea. Trátase dun encontro científico organizado polo proxecto europeo TwinFlag. Nesta reunión debateranse os últimos avances en biomedicina e na investigación sobre o envellecemento e as enfermidades relacionadas coa idade.
Coordinado polo Centro de Medicina Innovadora de Lituania, a University College of Dublin, en Irlanda, e o grupo CINBIO CellCOM, liderado pola investigadora María Mayán, recentemente incorporada á Universidade de Vigo, completan o consorcio deste proxecto. Financiado pola Unión Europea con 1,5 millóns de euros, o principal obxectivo de TwinFlag é o desenvolvemento de novos métodos de diagnóstico e terapias para enfermidades dexenerativas das articulacións como a osteoartrite.
O encontro, aberto a toda a comunidade investigadora da UVigo, comezou esta mañá cun taller sobre aspectos básicos das técnicas de inmunohistoquímica, impartido por Mar Haz Conde, técnica superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Mañá xoves realizarase a sesión Meet the Experts, un encontro interdisciplinario que contará coa participación de Verónica Salgueiriño (CINBIO), Noel Queipo (CINBIO), Carlos Spuch (IIS Galicia Sur) e María de la Fuente (IDIS). Os participantes ofrecerán charlas para mellorar as capacidades transversais do persoal investigador participante, abordando temas como a situación da muller na ciencia, a comunicación científica, a importancia da saúde mental ou o asesoramento para mellorar as capacidades en emprendemento e transferencia de resultados á empresa.
O envellecemento da poboación é un dos principais retos aos que se enfronta Europa e o mundo. Cunha esperanza de vida que se duplicou en comparación coa dos nosos bisavós, espérase que o número de persoas maiores de 80 anos se sextuplique para o ano 2100. Este cambio demográfico formula importantes desafíos para os recursos sanitarios e a atención médica. En España, máis do 20 % da poboación ten máis de 65 anos.