Grupos de investigación do CiQUS e do CRETUS desenvolven unha nova tecnoloxía para reciclar plástico con encimas reutilizables

16 de Xullo de 2025

Grupos de investigación do CiQUS e do CRETUS desenvolven unha nova tecnoloxía para reciclar plástico con encimas reutilizables

Un estudo realizado por investigadores do CiQUS, en colaboración co CRETUS —ambos centros singulares da Universidade de Santiago e membros da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— presenta unha nova tecnoloxía baseada en enzimas reutilizables para o reciclaxe de plásticos.

O uso de enzimas consolidouse nos últimos anos como unha alternativa sostible fronte aos métodos tradicionais, xa sexan mecánicos ou químicos. Estas ferramentas biotecnolóxicas permiten descompoñer polímeros como o PET —presente na maioría das botellas e envases— nos seus compoñentes básicos, dun xeito limpo e eficiente.

O estudo propón unha estratexia innovadora para fixar as enzimas dentro de pequenas esferas de proteínas producidas por bacterias. Este sistema non só simplifica a súa produción e recuperación, senón que tamén prolonga a súa vida útil, permite reutilizalas varias veces e consegue descompoñer máis do 90 % do plástico doméstico sen necesidade de tratamentos previos.

A estratexia desenvolvida neste traballo resolve algúns dos principais retos que presenta a aplicación de enzimas na xestión de residuos plásticos a gran escala —como os custos de produción ou a súa limitada reutilización en procesos industriais—. A diferenza dos métodos clásicos, que requiren producir a enzima e o seu soporte por separado, esta tecnoloxía integra ambos elementos nunha única etapa, reducindo así os custos operativos e técnicos do proceso.

O sistema baséase na tecnoloxía IC-Tagging, desenvolvida previamente polo grupo do profesor José Manuel Martínez Costas no CiQUS, que permite inmobilizar proteínas de interese dentro de nanocompartimentos xerados pola proteína viral muNS-Mi. Esta proteína é capaz de autoensamblarse en forma de nanoesferas dentro de células de Escherichia coli e atraer calquera encima que leve unha pequena etiqueta (o “IC-tag”). Deste xeito, a propia bacteria actúa como unha microfábrica que produce a enzima xa inmobilizada nunha estrutura funcional e reutilizable. Esta metodoloxía aplicárase previamente con outras encimas industriais, pero é a primeira vez que se utiliza cunha encima de referencia para a degradación de plásticos, abrindo novas posibilidades no eido da biotecnoloxía ambiental.

O traballo forma parte do proxecto PETzyme, financiado con fondos NextGeneration EU e coordinado por Gemma Eibes (CRETUS) e José Martínez Costas (CiQUS). Segundo os autores, os novos resultados superan os obtidos ata agora con outras estratexias de inmobilización en laboratorio e supoñen un paso importante cara á implementación de solucións enzimáticas para o reciclaxe de plásticos: “O noso sistema xorde como unha ferramenta con gran potencial para apoiar a transferencia industrial das novas encimas que se están a desenvolver para a degradación do PET e doutros polímeros, contribuíndo así de forma decisiva á economía circular do plástico”, sinala, en declaracións ao CiQUS, Adrián López Teijeiro, primeiro autor do estudo.

Subir ao principio Subir ao principio