O investigador do CiMUS Carlos Diéguez ingresa na Real Academia Galega de Ciencias
16 de Novembro de 2023
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra o ingreso de Carlos Diéguez González como académico numerario da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. O investigador foi durante máis de 10 anos director do CiMUS
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra o ingreso de Carlos Diéguez González como académico numerario da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. O investigador foi durante máis de 10 anos director do CiMUS
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra o ingreso de Carlos Diéguez González como académico numerario da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. O investigador foi durante máis de 10 anos director do CiMUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica; e tamén do CIBEROBN do Instituto de Saúde Carlos III.
Referente mundial no campo da neuroendocrinoloxía
Carlos Diéguez doutorouse na facultade de Medicina da USC en 1993. Ao longo da súa traxectoria centrou o seu labor investigador no campo da endocrinoloxía e a nutrición. Nos últimos 30 anos esta actividade reflectiuse en máis de 500 traballos en revistas internacionais; 58 deles publicados en Endocrinology e 46 no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism, ambos da Sociedade Americana de Endocrinoloxía. Tamén publicou noutras revistas transdisciplinarias de alto impacto, como Lancet, Nature Medicine, Physiological Reviews, Trends in Neuroscience, Trends in Molecular Medicine, EMBO Journal etc. Carlos Diéguez é, ademais, membro do comité científico de diferentes institucións de investigación biomédica.
É un científico altamente citado —máis de 58 000 veces— e é invitado con frecuencia a impartir conferencias en prestixiosos congresos internacionais, como o Congreso Mundial de Endocrinoloxía, Congreso Europeo de Endocrinoloxía, Congreso Internacional de Neuroendocrinoloxía, Congreso Europeo de Farmacoloxía, congreso Europeo de Neuropsicofarmacoloxía, Congreso Mundial de Fisioloxía, Congreso Europeo de Obesidade, entre outros moitos. Na súa traxectoria dirixiu unha trintena de teses de doutoramento.
Entre os seus recoñecementos, destacan o Premio de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias da Saúde, Premio Hypocs (galardón de ámbito mundial destinado a premiar un labor investigador de excepcional relevancia en neuroendocrinoloxía), Medalla da Sociedade Española de Endocrinoloxía, Premio Novoa Santos ou o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía, entre outros.