Diego Peña recibe o Premio á Excelencia Investigadora da Real Sociedade Española de Química

2 de Novembro de 2023

Este novo galardón de Diego Peña súmase á Medalla Ignacio Ribas que lle foi concedida en 2018 polo Grupo Especializado de Química Orgánica da RSEQ

Diego Peña recibe o Premio á Excelencia Investigadora da Real Sociedade Española de Química

Diego Peña, investigador principal do CiQUS, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica; viu recoñecida a súa traxectoria e capacidade de liderado científico durante o acto de entrega dos premios e distincións 2023 da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Nesta ocasión, os membros do xurado concedéronlle o Premio á Excelencia Investigadora.

Xunto a el, outros tres investigadores recibiron premios á Excelencia Investigadora da RSEQ: Ana Albéniz (Universidade de Valladolid), Igor Larrosa (Universidade de Manchester) e Marisol Martín González (CSIC). Durante a cerimonia o pasado venres, entregáronse os premios e distincións RSEQ nas súas distintas modalidades e tamén houbo lugar para o recoñecemento aos socios con 45 anos de servizo.

Este novo galardón de Diego Peña súmase á Medalla Ignacio Ribas que lle foi concedida en 2018 polo Grupo Especializado de Química Orgánica da RSEQ. No ano 2020, o investigador recibiu o apoio do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha axuda ERC Synergy Grant xunto a Leo Gross (IBM Research Zurich) e Jascha Repp (Universität Regensburg) para levar a cabo un ambicioso proxecto centrado na manipulación de moléculas individuais (ERC-SyG MolDAM). Hoxe en día, o seu grupo continúa avanzando no desenvolvemento de novas metodoloxías sintéticas, a química sobre superficie, a síntese de compostos policíclicos aromáticos ou a preparación de grafenos nanométricos.

Subir ao principio Subir ao principio