Unha egresada de atlanTTic publica a primeira tese da área de Enxeñería Aeroespacial da Uvigo
9 de Novembro de 2023
A tese, presentada a pasada semana no campus de Ourense, fíxose no marco da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo e do Programa de doutoramento en tecnoloxía aeroespacial: enxeñerías electromagnética, electrónica, informática e mecánica

Uxía García é egresada da primeira promoción (2016-2020) da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e investigadora neste centro do grupo Aerospace Technologies Research Group de atlanTTic, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Ela é tamén a autora da primeira tese de doutoramento na área de enxeñería aeroespacial da Universidade de Vigo. O seu traballo centrouse no estudo termoelástico da plataforma de apuntamento de telescopios espaciais.
A tese, presentada a pasada semana no campus de Ourense, fíxose no marco da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo e do Programa de doutoramento en tecnoloxía aeroespacial: enxeñerías electromagnética, electrónica, informática e mecánica. Levou por título Thermo-elastic study of the pointing platform for space telescopes e foi dirixida por Fernando Aguado, director do citado programa de doutoramento, e por Fermín Navarro.
Desde que finalizou a carreira, esta enxeñeira aeroespacial, a primeira dos estudantes do Grao de Enxeñería Aeroespacial da UVigo que se doutora nesta institución académica, colabora co grupo Aerospace Technologies Research Group e conta cunha bolsa da Xunta de Galicia. «Ao comezo levaba a cabo tarefas principalmente relacionadas co desenvolvemento do proxecto europeo WiPTherm, no que estabamos a cargo de integrar un dispositivo innovador de Wireless Energy Transfer (WET) a bordo dun CubeSat 3U», sinala. Estas tarefas permitíronlle formarse en sistemas espaciais, así como no desenvolvemento de campañas de validación experimental tanto de vibracións como de baleiro térmico. «Co transcurso do tempo, tiven a oportunidade de poder participar noutros proxectos como o desenvolvemento de varias análises termoelásticas para o Instituto de Astrofísica de Canarias, as cales deron lugar á miña tese», comenta a investigadora.
Mellorar a enxeñería de satélites
Sobre o contido da tese, a súa autora explica que «a industria aeroespacial está a experimentar un cambio de paradigma marcado por unha diminución nos custos de lanzamento e a estandarización de pequenos satélites». Neste contexto, a súa investigación céntrase en «pechar a fenda tecnolóxica na precisión de apuntado destes satélites para potenciar as súas capacidades». O apuntado, precisa Uxía García, é a capacidade dun satélite para non desviarse da orientación requirida polo modo de operación. Para mellorar esta precisión, aclara, «é necesario prestar atención a todas as fontes de erro, incluídas as perturbacións termoelásticas, que poden afectar significativamente o rendemento dos satélites». Estas perturbacións termoelásticas son deformacións na estrutura xeradas polos campos de temperaturas aos que se ven sometidos a plataforma e o instrumento do satélite e que poden provocar, por exemplo, unha degradación da calidade final das imaxes que proporcione.