IGFAE e atlanTTic impulsan o xunto ao CESGA o salto de Galicia cara á computación cuántica con dous novos laboratorios 

29 de Xaneiro de 2026

IGFAE e atlanTTic impulsan o xunto ao CESGA o salto de Galicia cara á computación cuántica con dous novos laboratorios 

O ecosistema galego de I+D+i fortalécese coa creación de dous novos laboratorios de investigación avanzada, impulsados polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración cos centros de investigación IGFAE da USC e atlanTTic da UVigo, ambos integrantes da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que teñen acreditada a súa excelencia científica.

En primeiro lugar, o IGFAE, centro CIGUS da Universidade de Santiago de Compostela, impulsa xunto co CESGA o Quantum Computing Lab, unha unidade conxunta centrada no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear. O proxecto conta cun investimento de 2,2 millóns de euros cofinanciados polo PERTE Chip, fondos propios da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP da Xunta de Galicia e financiamento do propio IGFAE. Esta infraestrutura centrarase na simulación cuántica de procesos de grande interese en física de partículas e nuclear, empregando tecnoloxías como trampas de ións ou átomos fríos.

Este laboratorio terá función de simulador e de computador, permitindo manipular sistemas cuánticos análogos aos que se desexa estudar. Trátase dunha iniciativa enmarcada nun proxecto europeo que facilitará o seu uso como laboratorio de acceso remoto. Ademais, polo momento, será o único destas características no ámbito da física de partículas e nuclear.

Este laboratorio permitirá abordar problemas científicos de elevada complexidade, como a simulación do plasma de quarks e gluóns ou o estudo da estrutura do núcleo atómico, tarefas practicamente inabordables mediante computación clásica. O proxecto está impulsado polo equipo do IGFAE e consolidará o papel do centro no desenvolvemento de novas capacidades en computación cuántica.

Pola súa parte, atlanTTic, centro CIGUS da Universidade de Vigo, lidera xunto co CESGA o Quantum Optical Computing Lab, centrado no desenvolvemento da computación cuántica óptica. Este laboratorio conta cun investimento de 2,4 millóns de euros cofinanciados polo PERTE Chip, fondos propios da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP da Xunta de Galicia, e situarase no Vigo Quantum Communication Center (VQCC). O convenio entre o CESGA e atlanTTic permite a dotación de persoal investigador, equipamento e infraestruturas técnicas, mediante a implementación dun modelo de gobernanza compartida entre ambas institucións, tanto no ámbito operativo como no científico.

O obxectivo desta infraestrutura é afondar na investigación sobre computación cuántica óptica como plataforma experimental específica, consolidarse como infraestrutura singular e aberta e facilitar a colaboración con investigadores externos mediante protocolos comúns. Entre as súas aplicacións potenciais destacan a resolución de problemas complexos de optimización mediante a mellora de algoritmos de intelixencia artificial, o desenvolvemento de novos materiais, a loxística, a planificación sanitaria ou a bioinformática. Ademais, este laboratorio permitirá posicionar Galicia dentro da plataforma experimental da futura Fábrica Europea de Intelixencia Artificial, grazas ás súas sinerxías e ao seu potencial para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente.

Subir ao principio Subir ao principio