Ignacio Insua, científico que completou a súa formación de posdoutoramento no CiQUS, recibe unha Starting Grant do ERC
6 de Setembro de 2024

O escenario da súa formación de posdoutoramento foi o *CiQUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Este científico recibiu hoxe unha prestixiosa Starting Grant, concedidas polo Consello Europeo de Investigación (ERC). O Dr. Ignacio Insua, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), recibiu o apoio deste prestixioso programa que impulsa a investigación de vangarda, apostando por ideas rompedoras e apoiando mozos investigadores no inicio das súas carreiras.
O proceso de selección destas axudas é moi competitivo e selectivo. Neste caso, presentáronse 3474 propostas, que foron avaliadas por un comité formado por investigadores de sona internacional. Tan só o 14,2 % das propostas foron seleccionadas para recibir financiamento, que contarán con 1,5 millóns de euros para un período de cinco anos.
A investigación do Dr. Insua centrarase na resistencia bacteriana aos antibióticos. O seu proxecto REPLICATE buscará desenvolver antibióticos autorreplicantes, é dicir, capaces de formar copias de si mesmos para amplificar a súa acción antimicrobiana. «Administrando moléculas precursoras totalmente inocuas, estas poden combinarse na membrana de bacterias patóxenas, activando así a súa autorreplicación e acción antimicrobiana localmente no foco infeccioso», explica o investigador. Trátase dunha innovadora estratexia para loitar contra a resistencia a antibióticos, un serio problema en auxe no ámbito mundial e responsable de 1,8 millóns de mortes ao ano, con prognóstico de ser máis letal ca o cancro para 2050.
Actualmente, o Dr. Insua é investigador Ramón y Cajal adscrito ao Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. O galardoado pretende desenvolver o seu proxecto ERC na USC, pois a institución ofrece un excelente contexto de traballo neste campo fronteira entre a química e a bioloxía, segundo as súas propias palabras.