Integrantes de atlanTTic participan na sesión de avaliación da misión espacial BIXO, impulsada por UVigo SpaceLab

19 de Maio de 2023

Integrantes de atlanTTic participan na sesión de avaliación da misión espacial BIXO, impulsada por UVigo SpaceLab

Os líderes da misión espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit), de UVigo Spacelab, expuxeron o traballo realizado deste proxecto desenvolvido en atlanTTic, nun encontro que tivo lugar na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. O director do centro de investigación, que forma parte da Rede CIGUS, Martín Llamas, xunto coa directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, déronlles a benvida aos asistentes. Ademais, os tres manifestaron o seu orgullo por unha iniciativa na que o estudantado é o auténtico protagonista e que segue a estela, como lembrou Díaz, dunha traxectoria aeroespacial que se iniciou no ano 2007 da man do docente Fernando Aguado, investigador de atlanTTic implicado no seguimento do proxecto dun dos asistentes.

O obxectivo da cita era garantir que BIXO cumpra con todos os requisitos aplicables ao desenvolvemento de proxectos espaciais europeos para, así, poder iniciar a creación de modelos para a súa testaxe e a súa fabricación final. Na revisión do proxecto –Preliminary Requirements Review (PRR)— participaron empresas de distintos sectores, entre elas tres das firmas que patrocinan a misión: DHV Technology, UARX Space e o spin-off da Universidade de Vigo Alén Space. Desde o ámbito universitario participaron responsables de distintos grupos de investigación, tanto de atlanTTic como do CINBIO, ambos os dous membros da Rede CIGUS, xa que, na misión BIXO, o ámbito biotecnolóxico ten un importante peso, non en van o principal obxectivo é analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.

Subir ao principio Subir ao principio