Investigador do CiTIUS recibe o Premio Leonardo á Investigación
8 de Abril de 2024

José María Alonso, profesor titular na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC (ETSE) e investigador vinculado do CiTIUS, centro de investigación que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, acaba de ser recoñecido co Premio Leonardo 2024, que o acredita como un dos tres mellores profesores do Departamento de Electrónica e Computación na categoría de produción científica.
Os premios Leonardo entréganse cada ano na ETSE en dúas categorías —docencia e produción científica—, coincidindo co natalicio do polímata renacentista . No primeiro dos casos, o recoñecemento concédeselles aos tres profesores mellor valorados nas enquisas do alumnado da escola (un por cada unha das titulacións que se imparten); polo que respecta á categoría de investigación, o premio que agora recibe o investigador José María Alonso outórgase de acordo cos datos de produción científica acreditada pola Universidade de Santiago (USC), e igualmente concédeselles a tres persoas, unha por cada un dos departamentos adscritos á ETSE.