Investigadores do IGFAE galardoados co premio Breakthrough de Física Fundamental
10 de Abril de 2025

Máis de 30 investigadores do IGFAE, instituto de investigación adscrito á USC e parte da Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica- foron galardoados coa Medalla Breakthrough na categoría de Física Fundamental.
Os galardóns coñecidos como os “Oscar da Ciencia” recaeron na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), e nos seus catro principais experimentos: ATLAS, CMS, ALICE e LHCb. O IGFAE é un dos membros fundadores deste último experimento, o LHCb, e conta cun equipo composto por 33 persoas – oito investigadores sénior, tres posdoutorais, quince estudantes de doutoramento, un enxeñeiro doutor, tres técnicos e tres estudantes de máster – sendo o equipo español máis numeroso do experimento.
Este recoñecemento tamén o recibiu o persoal do grupo de investigación do FiTNAE no CITENI, liderados polo investigador Oportunius Diego Martínez, da Universidade da Coruña.
Este premio foi outorgado polas “medicións detalladas das propiedades do bosón de Higgs, que confirman o mecanismo de ruptura de simetría da xeración de masa, o achado de novas partículas relacionadas coa interacción forte, o estudo de procesos raros e da asimetría materia-antimateria, e a exploración da natureza ás distancias máis curtas e condicións más extremas no Gran Colisionador de Hadróns do CERN”.
O persoal do Instituto Galego de Física de Altas Prestacións, alén da parte experimental e de investigación, mantén unha estreita colaboración co CERN desde a perspectiva teórica, en áreas de estudo como a cromodinámica cuántica, os neutrinos ou a física nuclear. Ademais, o persoal do IGFAE está presente nos grupos de discusión dos futuros proxectos do CERN e na Estratexia Europea de Física de Partículas