Investigadores do CICA participan no proxecto ALGAPROX para garantir a sustentabilidade das macroalgas nas costas galegas

14 de Agosto de 2025

Investigadores do CICA participan no proxecto ALGAPROX para garantir a sustentabilidade das macroalgas nas costas galegas

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña membro da Rede CIGUS —unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia que agrupa os centros con excelencia científica acreditada—, forma parte do proxecto ALGAPROX, unha iniciativa destinada ao estudo técnico e ao manexo sustentable de diversas especies de macroalgas en Galicia.

O grupo BioCost, dirixido polo profesor Javier Cremades, encárgase do seguimento e da repoboación da especie Himanthalia elongata, coñecida como “correa” ou “espaguete de mar”. Unha alga de grande interese ecolóxico e comercial que viu diminuída a súa presenza por causas como a sobreexplotación, o cambio climático ou a transformación do hábitat. O equipo do CICA traballa no cultivo de embrións e a súa sementeira no medio natural co obxectivo de reforzar ou reintroducir poboacións en regresión.

Por outra banda, estanse a realizar estudos para mellorar as prácticas de recollida en colaboración co sector. Tal e como explica Javier Cremades ao CICA: “A idea é estudar cal é a mellor maneira de explotala, en que época, como facelo e que parte recoller, para deseñar un manexo que sexa sustentable”. O director do grupo tamén destaca a importancia de implicar ás confrarías no desenvolvemento e aplicación destas estratexias.

Esta iniciativa, ademais de contar coa colaboración de diversas confrarías e organizacións do sector pesqueiro e marisqueiro da rexión, está coordinada polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia e cofinanciada nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Ademais, o proxecto ALGAPROX tamén aborda o estudo de especies invasoras como Sargassum muticum e Undaria pinnatifida, así como da alga Ulva clathrata, responsable das mareas verdes que afectan aos bancos marisqueiros. Cunha visión integral, o obxectivo final desta iniciativa é preservar a biodiversidade dos ecosistemas costeiros e promover a sustentabilidade ambiental, económica e social do medio mariño galego.

Subir ao principio Subir ao principio