Investigadores do CICA participan nun estudo europeo sobre a formación de ensamblaxes moleculares

10 de Xaneiro de 2025

Investigadores do CICA participan nun estudo europeo sobre a formación de ensamblaxes moleculares

Iago Neura, Marcos García e Carlos Peinador, investigadores do grupo de Enxeñaría Supramolecular (SUPREN) do CICA, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, participaron nun estudo liderado polo profesor Alberto Credi, da Universidade de Bolonia (Italia), que acaba de ser publicado na revista científica Chem.

Este proxecto é o resultado dunha colaboración entre os Departamentos de Química Industrial “Toso Montanari”, Química “Ciamician” e Ciencia e Tecnoloxía Agraria e dos Alimentos de Alma Mater, a Universidade da Coruña e o Instituto Isof-CNR en Bolonia.

A investigación do grupo SUPREN diríxese á xeración de sistemas autoensamblados que respondan a estímulos como a luz. As súas principais liñas de investigación son o estudo de sistemas host-guest con resposta a estímulos externos e procesos de autoensamblaxe para a súa implementación en máquinas moleculares, catalizadores intelixentes e sistemas de liberación controlada de fármacos.

Aproveitando unha combinación de reaccións fotoquímicas (inducidas por luz) e procesos de autoensamblaxe, os investigadores lograron inserir unha molécula lineal na cavidade dunha molécula en forma de anel, adoptando unha xeometría de alta enerxía que non é posible no equilibrio termodinámico. Noutras palabras, a luz permite crear un “ensamblaxe” molecular que, doutra maneira, sería inaccesible.

Este mecanismo de autoensamblaxe acoplado a unha reacción fotoquímica permite aproveitar a enerxía da luz para acumular produtos inestables, abrindo o camiño a novas metodoloxías de síntese química e ao desenvolvemento de materiais moleculares dinámicos e dispositivos (por exemplo, nanomotores) que operen en condicións fóra de equilibrio, de maneira similar aos seres vivos. Con este método innovador poderían crearse novas substancias capaces de responder a estímulos e interaccionar co contorno. Estas substancias poderían empregarse para xerar medicamentos intelixentes e materiais activos.

Subir ao principio Subir ao principio