Investigadores do CIM emprenderon o retorno da Antártida a Vigo
16 de Xaneiro de 2024

Os investigadores do CIM, o Centro de Investigación Mariña da UVigo, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, emprenderon o retorno, tras un mes na illa Decepción. O mal tempo está a atrasar os desprazamentos.
O regreso á casa dos investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que forman parte da XXXVII Campaña Antártica está a ser un pouco máis complicado do previsto por mor das condicións meteorolóxicas. A travesía en barco, normalmente dun día de duración, que une a illa Decepción e a illa Rey Jorge desta volta será de tres días. E é que o estado do mar está a dificultar a navegación do buque oceanográfico Hespérides, a bordo do cal están os científicos Mariano Lastra, Jesús Troncoso e Jesús López.
Tras un mes na Antártida, no que o frío, a xistra e o estado do mar complicaron o traballo, os investigadores emprenderon xa o regreso a Vigo. Saíron da base do Exército de Terra Gabriel de Castilla este pasado mércores día 14 e agardan chegar hoxe venres á illa Rey Jorge e, se as condicións climáticas o permiten, collerán un avión que os levará nunha viaxe de 2-3 horas a Punta Arenas. De aí, terán que voar a Santiago de Chile e logo coller outro voo que os traerá a Madrid, onde está previsto que cheguen o vindeiro luns 19 de febreiro. Unha viaxe complicada e esgotadora, pero que ben paga a pena cando lembran os bos momentos pasados no último mes, no que, como explica Mariano Lastra, «a convivencia na base foi moi boa e a dotación do exército desvívese para que os científicos realicemos o noso traballo e para que teñamos todas as comodidades posibles. O resto de compañeiros doutros proxectos científicos igualmente foron moi boa compañía, porque alí todos nos apoiamos e preocupámonos uns dos outros para que todos os proxectos saian adiante. A colaboración no Antártico non é unha opción, é unha obrigación».
O equipo de científicos do CIM chegou á base española o pasado día 13 de xaneiro para desenvolver a segunda campaña de traballo no marco do proxecto Radiant (a primeira foi en 2023), un dos trinta que conforma a XXXVII Campaña Antártica coordinada polo Exército de Terra. O seu obxectivo era avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios en Porto Foster, na illa Decepción.
Obxectivos cumpridos
Os investigadores amósanse satisfeitos co traballo realizado neste tempo. «Tivemos moita sorte co tempo. Vimos pouco o sol, pero as condicións foron o suficientemente boas para poder acabar todas as mostraxes de campo e os experimentos previstos. Non obstante, houbo problemas que solucionar», como destaca Mariano Lastra. «Grazas ao apoio do persoal do Exército de Terra que xestiona a base, puidemos solucionar sobre a marcha os problemas que xurdían. Algúns días tivemos mal tempo e non houbo máis remedio que quedar dentro da base, sen saír ao campo, e outros días, o mar estaba en malas condicións e non se podía botar a zodiac á auga», lembra Lastra.
Pero os investigadores foron previsores, grazas á súa experiencia noutras oito campañas previas na Antártida, e tiveron en conta estas posibilidades na súa planificación. «Iamos con tempo suficiente para que, se fallaba algo, poder intentalo de novo. Iso é algo que aprendemos ao longo das campañas. Na Antártida, cando calculas o tempo dun traballo ou dun experimento, tes que multiplicalo despois por dous, por se acaso», recoñece Mariano Lastra.