Investigadores do CIM obteñen datos inéditos sobre o fondo do Atlántico Norte

6 de Setembro de 2023

Investigadores do CIM obteñen datos inéditos sobre o fondo do Atlántico Norte

Os investigadores da segunda fase do proxecto BOCATS2, observación bienal do carbono, acidificación, transporte e sedimentación no Atlántico Norte, da que forman parte investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, regresaron con datos sen precedentes sobre o fondo do Atlántico Norte tras unha expedición de quince días a bordo do buque Sarmiento de Gamboa.

«Estamos moi satisfeitos coa obtención dunha batimetría cunha resolución sen precedentes, en particular no sector occidental da zona de fractura de Charlie-Gibbs, onde a cartografía previa era pouco detallada e con diferenzas notables con respecto á que agora dispoñemos», explicou Guillermo Francés, coordinador desta campaña e investigador do CIM. Na mesma liña, sinalou que, durante a expedición, «se conseguiu a recuperación dun rexistro sísmico e testemuños sedimentarios dos que esperan obter datos científicos novos, que poñan o CIM en condicións de achegar novo coñecemento respecto das masas de auga de fondo, a súa dinámica ao cruzar pasaxes oceánicas profundas, a súa evolución ao longo das últimas decenas de miles de anos e a súa resposta aos cambios climáticos globais acaecidos durante ese período».

O Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Biogeoquímica do CIM, que traballou xunto con especialistas do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC), o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e da Royal Holloway University of London, tivo como principal obxectivo analizar os sedimentos da zona de fractura de Charlie-Gibbs, un tema de grande importancia.

«O seguimento presente e pasado da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico Norte é esencial para avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos que sustentan os informes do IPCC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático) para a rexión europea», resalta Guillermo Francés.

Subir ao principio Subir ao principio