Investigadores do CiMUS avanzan na detección temperá e no tratamento dun cancro cerebral letal grazas á nanotecnoloxía

25 de Marzo de 2024

Un estudo dirixido desde o CiMUS da USC abre a porta a unha aproximación terapéutica completamente nova e podería posibilitar un ensaio clínico no prazo de tres anos para o glioblastoma.

Investigadores do CiMUS avanzan na detección temperá e no tratamento dun cancro cerebral letal grazas á nanotecnoloxía

Investigadores do CiMUS da USC, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, dirixidos por María José Alonso e Pablo Aguiar, avanzan no diagnóstico temperán e no tratamento desta enfermidade grazas á nanotecnoloxía no marco da plataforma de micromecenado da USC Sumo Valor, que busca a participación cidadá para recadar fondos a través de doazóns. A investigación intégrase no programa DIAGBI da convocatoria de proxectos de I+D+i en liñas estratéxicas en colaboración público-privada do Ministerio de Ciencia e Innovación


Non existe na actualidade un tratamento para esta enfermidade e a supervivencia media non supera os 14 meses desde o diagnóstico. «Isto débese a que a investigación se focalizou noutros tipos de cancro con maior prevalencia, como o de mama, próstata ou pulmón. No caso dos tumores cerebrais, a falta de investimento levou a que o prognóstico dos pacientes hoxe sexa similar ao que tiñan hai varias décadas», segundo explica a investigadora principal do CiMUS María José Alonso.


A nanotecnoloxía significa para este grupo da USC o enorme desafío que supón levar radiofármacos desde a súa inxección intravenosa ata o glioblastoma. «Aínda que, grazas ao anticorpo monoclonal, o radiofármaco debería unirse especificamente ao tumor, para que isto ocorra primeiro ten que chegar ata alí. A gran dificultade que presenta o noso proxecto e que pretendemos solucionar co desenvolvemento de nanopartículas que lle permitan ao radiofármaco atravesar as diferentes barreiras biolóxicas coas que se encontra. O maior desafío encontrarao no cerebro, onde primeiro ten que superar a barreira hematoencefálica e posteriormente penetrar no cerebro ata alcanzar as células tumorais»”, sostén Alonso.

Subir ao principio Subir ao principio