Investigadores do CiMUS descobren unha nova terapia dirixida contra o cancro anaplásico de tiroide sen danar células sas

14 de Maio de 2024

Investigadores do CiMUS descobren unha nova terapia dirixida contra o cancro anaplásico de tiroide sen danar células sas

Un novo estudo realizado por investigadores do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CiMUS), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela, e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia (IDIS), dirixidos por Clara Álvarez do grupo Neoplasia & Endocrine Differentiation e José Cameselle do Servizo de Patoloxía, abre a porta cara a unha terapia innovadora.

O estudo, publicado na prestixiosa revista Nature Communications, identifica un axente terapéutico, PIAS2b-dsRNAi, que elimina selectivamente as células cancerosas anaplásicas de tiroide sen afectar ás células sas ou a outros tipos de cancro de tiroide de curso benigno. «Este descubrimento representa un avance significativo na loita contra esta enfermidade tan desafiante», apunta Clara Álvarez.

Atacando a raíz do problema cunha terapia precisa

Os investigadores descubriron que un encima chamado PIAS2b desempeña un papel crucial na supervivencia das células anaplásicas de tiroide. A diferenza das células normais ou doutros tipos de cancro, as células anaplásicas dependen de PIAS2b para a súa división. Este descubrimento brindou a oportunidade de deseñar unha terapia dirixida que atacase especificamente este encima clave.

O equipo deseñou un axente terapéutico baseado en ARN de dobre cadea (dsRNAi) transcrito in vitro, denominado PIAS2b-dsRNAi. Este dsRNAi actúa como unha molécula mensaxeira inversa, silenciando a expresión do encima PIAS2b dentro das células anaplásicas. Como resultado, estas células perden a súa capacidade de división e morren nun proceso coñecido como catástrofe mitótica. Estes resultados están protexidos por unha solicitude de patente internacional con número de publicación (WO2021/028610A2).

Subir ao principio Subir ao principio