Investigadores do CiMUS identifican un mecanismo clave que podería reducir a calcificación vascular en pacientes diabéticos

15 de Novembro de 2024

Investigadores do CiMUS identifican un mecanismo clave que podería reducir a calcificación vascular en pacientes diabéticos

Un equipo de investigadores do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS),centro da USC que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, publicou un estudo na revista Cardiovascular Diabetology que podería cambiar o enfoque no tratamento das complicacións cardiovasculares en persoas con diabetes.

A investigación, liderada polo Dr. Ricardo Villa-Bellosta, investigador principal do CiMUS, revela que os niveis elevados de glicosa en pacientes diabéticos afectan negativamente o metabolismo do pirofosfato extracelular, un potente inhibidor natural da calcificación vascular. Este achado suxire unha potencial vía para previr a calcificación en arterias e outros vasos sanguíneos en persoas con diabetes, un avance con implicacións significativas para a saúde cardiovascular.

A calcificación vascular é unha condición na que se acumulan depósitos de calcio nas paredes dos vasos sanguíneos, dificultando o fluxo sanguíneo e aumentando o risco de enfermidades cardiovasculares graves. Esta complicación é especialmente prevalecente en persoas con diabetes e asóciase cunha maior taxa de mortalidade por eventos como infartos e accidentes cerebrovasculares. “A nosa investigación mostrou que a hiperglucemia en diabetes pode reducir os niveis de pirofosfato extracelular, un inhibidor natural da calcificación vascular, creando un ambiente propenso á acumulación de calcio nas arterias,” explica o Dr. Villa-Bellosta.

O equipo de CiMUS estudou estes efectos tanto en modelos celulares como en animais, descubrindo que o metabolismo do pirofosfato extracelular vese gravemente afectado en condicións de alta glicosa. Nos modelos de estudo, os altos niveis de glicosa conduciron a unha diminución na produción de pirofosfato, mentres que favorecían un aumento no fosfato, un factor que promove a calcificación. Este desequilibrio afecta os mecanismos naturais do corpo para previr a calcificación e vese agravado en pacientes con diabetes. “Identificamos que encimas crave no metabolismo do pirofosfato están alteradas baixo condicións de hiperglucemia, o que afecta significativamente a capacidade do organismo para protexerse contra a calcificación vascular,” engade Villa-Bellosta.

Mesa de debate polo Día Mundial da Diabetes

Este avance foi un dos abordados na mesa de debate organizada polo CiMUS na xornada do 14 de novembro coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Diabetes. Nela participaron especialistas deste Centro Singular e do IDIS para poñer en común os principais desafíos e avances no manexo desta enfermidade. Os investigadores Carlos Diéguez, Iria Gómez-Touriño, Miguel Ángel Martínez-Olmos, Ricardo Villa Bellosta e Rubén Nogueiras foron os encargados de abordar a estreita relación da diabetes coa obesidade, as enfermidades cardiovasculares, a inmunología, a endocrinoloxía e a nutrición.

A inauguración da xornada contou coa participación da subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; o director do Departamento de Bioquímica da USC, Jaime Gómez; o director do Departamento de Fisioloxía da USC, Juan Zalvide, e o director adxunto do CiMUS, José Luis Labandeira.

Subir ao principio Subir ao principio