Investigadores do CITIC, CiQUS e CiMUS, recoñecidos nos Premios RAGC-UIE
5 de Novembro de 2026
A segunda edición dos Premios RAGC-UIE recoñeceu na categoría de Ciencias Básicas a tres investigadores vinculados a centros da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica. O premio principal neste ámbito foi para Verónica Bolón, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, mentres que os accésits recaeron en Manuel Souto, investigador distinguido Oportunius do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), e Ismael González, investigador ERC do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), ambos os dous centros da Universidade de Santiago de Compostela.
Completan a lista de galardoados desta segunda edición Laura Castro Santos, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña, galardoada na categoría de Ciencias Técnicas; e María Barreiro Gen, profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, premiada na categoría de Ciencias Sociais. Así mesmo, os accésits nestas dúas categorías foron outorgados a Lucía Díaz Vilariño, profesora e investigadora da Universidade de Vigo, e a Rubén Lado Sestayo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e investigador de ECOBAS, respectivamente.
Os Premios RAGC-UIE para mozos investigadores e investigadoras, convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia mediante o recoñecemento de traxectorias emerxentes desenvolvidas en centros de investigación da comunidade.
Os tres investigadores de centros pertencentes á Rede CIGUS foron recoñecidos por traballos desenvolvidos en áreas moi diversas, pero cun claro potencial de impacto científico e social. Verónica Bolón (CITIC) centra o seu traballo no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental, sendo pioneira en situar a sustentabilidade como eixo central do deseño algorítmico. Pola súa parte, Manuel Souto (CiQUS) investiga o desenvolvemento de materiais máis sostibles para o almacenamento enerxético, con especial atención a novas baterías baseadas en eléctrodos orgánicos como alternativa ás tecnoloxías convencionais que empregan elementos críticos. No ámbito biomédico, Ismael González (CiMUS) contribuíu a afondar no coñecemento dos mecanismos neuroendocrinos que regulan o metabolismo, demostrando que os estróxenos actúan no hipotálamo para incrementar a temperatura corporal e xerar saciedade, e avanzando na comprensión dos mecanismos fisiopatolóxicos implicados na obesidade.