Investigadores do CITIC participan como supervisores na rede de formación de doutoramento HYBRIDS
19 de Setembro de 2023

Javier Parapar e Patricia Martín-Rodilla, investigadores do CITIC, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, participan como supervisores na rede de formación de doutoramento HYBRIDS, unha rede de formación de doutoramento Marie Skłodowska-Curie financiada pola Unión Europea (UE) e o UK Investigación e Innovación (UKRI).
O proxecto HYBRIDS, que ten como principal obxectivo científico proporcionarlles aos investigadores os coñecementos necesarios para deseñar estratexias e ferramentas de resposta á desinformación a partir dunha análise profunda do discurso público, integra os coñecementos estruturados que ofrecen as ciencias sociais e humanas en ferramentas de procesamento da linguaxe natural e algoritmos de aprendizaxe profunda. Mediante o desenvolvemento de novos sistemas de intelixencia híbridos, combínase a intelixencia das máquinas e a humana para superar as deficiencias dos métodos de intelixencia artificial existentes.
HYBRIDS conta con proxectos participantes, os cales poden chegar a contar con ata tres supervisores como máximo. Os investigadores do CITIC, Patricia Martín-Rodilla e Javier Parapar López, participan como supervisores en varios proxectos.