Investigadores do grupo FunNanoBio do CINBIO colaboran na misión BIXO para lanzar un satélite en 2024

15 de Marzo de 2023

Investigadores do grupo FunNanoBio do CINBIO colaboran na misión BIXO para lanzar un satélite en 2024

Manuel Diz, Martín Blanco, Lorena Vázquez, Gustavo Bodelón, Daniel García, Isabel Pastoriza, Lorena Conde, Jorge Pérez e Xavier de Rada, no laboratorio de FunNanoBio | Imaxe: Alba Villar

Un equipo de investigadores do grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS, é o encargado de asesorar a asociación estudantil UVigo Spacelab na posta a punto do deseño de BIXO, o nanosatélite que esta universidade quere lanzar ao espazo desde A China en 2024.

O proxecto, coordinado por Manuel Diz e seleccionado polo programa Fly Your Satellite! da Axencia Espacial Europea (ESA), baséase no desenvolvemento de CubeSat 2U, o que será o quinto satélite lanzado pola Universidade de Vigo ao espazo. Este nanosatélite, cunhas dimensións de 20 x 10 x 10 centímetros, conterá un laboratorio en miniatura para estudar o efecto da radiación acumulada e da microgravidade en colonias de bacterias que se activarán despois de nove meses en órbita, o tempo que se tardaría en chegar desde a Terra a Marte.

Ademais de asesorar no deseño do dispositivo, desde CINBIO ofréceselle formación a este estudantado e póñense á súa disposición as instalacións do centro para levar a cabo as probas dos prototipos.

O traballo realizado xa deu lugar a tres artigos científicos sobre o subsistema estrutural do satélite, a antena de banda S e a parte de microfluídica, presentados en febreiro en Málaga durante o Small Satellites & Services International Forum (SSSIForum).

Esta será a primeira misión espacial do grupo FunNanoBio do CINBIO. «Hai que apoiar a alumnos tan motivados e implicados coma eles. E proxectos tan multidisciplinarios son moi interesantes para a universidade e para o estudantado. Permítenlles aos enxeñeiros coñecer e entender como é o traballo dos biólogos», indica Isabel Pastoriza nunha reportaxe no Faro de Vigo.

Subir ao principio Subir ao principio