Investigadores do IGFAE e do CiQUS logran dúas ERC Synergy Grants no 2025
28 de Novembro de 2025
Os investigadores Jaime Álvarez Muñiz, adscrito ao IGFAE, e Javier Montenegro, adscrito ao CiQUS, foron galardoados coa prestixiosa ERC Synergy Grant na convocatoria de 2025. Ambos proxectos desenvolveranse en centros da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa aos centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica.
Jaime Álvarez Muñiz liderará o proxecto HERON (Hybrid Elevated Radio Observatory for Neutrinos), coordinado desde o IGFAE, que contará con 14 millóns de euros para detectar neutrinos de enerxía ultraalta, unhas das partículas máis esquivas e enerxéticas do cosmos. O proxecto ten como obxectivo abrir unha nova ventá á observación do Universo mediante a construción dun novo observatorio nunha zona montañosa da provincia arxentina de San Juan, preto dos Andes. HERON será o instrumento máis sensible do mundo para a detección destes neutrinos ultraenergéticos.
Ademais do IGFAE, en HERON participarán centros de investigación de Francia (Institut d’Astrophysique de Paris e Université Sorbonne) e Estados Unidos (Pennsylvania State University), xunto co apoio local da Comisión Nacional de Enerxía Atómica (CNEA) de Arxentina.
Pola súa parte, o investigador Oportunius Javier Montenegro levará a cabo o proxecto CARAMEL (Covalent Chaotropic Membrane Transport for Biotherapeutic Delivery), que, coordinado desde o CiQUS, contará cunha financiación de 10 millóns de euros.
O proxecto ten como obxectivo abordar un dos retos pendentes da medicina: conseguir que fármacos biotecnolóxicos impermeables, como certos péptidos e proteínas, poidan atravesar a membrana celular para alcanzar a súa diana no interior das células. Esta capacidade é crucial para o desenvolvemento de novas terapias. CARAMEL explorará unha estratexia radicalmente innovadora, abandonando os principios de deseño clásicos.
O equipo complétano tamén os investigadores Werner Nau (Constructor University, Alemaña), Paola Luciani (University of Bern, Suíza) e Oliver Hantschel (Philipps University of Marburg, Alemaña). Cada unha das catro institucións recibirá unha financiación aproximada de 2,5 millóns de euros para desenvolver esta investigación durante os próximos 6 anos.
Nesta convocatoria do European Research Council foron seleccionados 66 proxectos, 15 dos cales pertencen a institucións españolas e dous deles á Universidade de Santiago de Compostela.