José Luis Mascareñas, director científico do CiQUS, novo académico numerario da Real Academia de Farmacia de Galicia
4 de Xullo de 2023

Imaxen: Xunta de Galicia
A Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) suma como académico de número a José Luis Mascareñas Cid, director do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica.
Durante a súa intervención, o Dr. Mascareñas destacou a necesidade de fomentar a investigación de risco, dirixida a xerar coñecemento rompedor, pois é nese coñecemento onde se poderán atopar as solucións a problemas que aínda non coñecemos. Ademais, resaltou o poder da química como ciencia artística e creadora, así como a importancia de combinar ciencia e cultura para o progreso social
O novo académico numerario da RAFG quixo ilustrar que o verdadeiramente importante na investigación non é que sexa básica ou aplicada, senón que sexa de calidade e que xere coñecemento. «É fundamental protexer aquela investigación baseada na curiosidade e que non busca unha utilidade inmediata», afirmou. Tamén quixo facer unha chamada sobre o «papel integrador que debe ter calquera academia científica cunha perspectiva ampla que tenda pontes entre ciencia, cultura e sociedade. A dicotomía sobre se o coñecemento provén das ciencias ou das letras é absurda», tal e como comentou durante o seu discurso de nomeamento.