Juan Pérez Fernández, do CINBIO lidera unha investigación publicada en Nature Communications
19 de Maio de 2023

O investigador de CINBIO, pertencente á Rede CIGUS, Juan Pérez Fernández (Neurocircuits) lidera un artigo científico publicado en Nature Communications no que se demostra que a lamprea e os seres humanos compartimos os mesmos movementos básicos de ollos.
Son os resultados dun estudo desenvolvido por un equipo internacional liderado por Juan Pérez, investigador Ramón y Cajal no CINBIO, en colaboración con Tobias Wibble, Tony Pansell e Sten Grillner do Karolinska Institute.
Neste sentido, o estudo determina que o sistema nervioso das lampreas e o dos seres humanos non son tan diferentes, xa que se está utilizando como base para varios estudos que permiten comprender os mecanismos que xeran os movementos dos ollos humanos.
A investigación demostra que a lamprea presenta os mesmos movementos básicos de ollo ca o resto de vertebrados, incluídos os seres humanos. Para xerar estes movementos básicos, explica o científico da Universidade de Vigo, «participan circuítos neuronais primordiais sen que sexan necesarias áreas do encéfalo que se consideraban esenciais nesta tarefa, como o cerebelo ou o córtex visual». Este descubrimento demostra, como avance o científico, «que os movementos oculares básicos apareceron moi pronto na evolución dos vertebrados e os circuítos que os controlan teñen un alto grao de conservación».
Neste sentido, Juan Pérez-Fernández destaca non só o interese deste estudo desde a perspectiva evolutiva, senón que «estes resultados mostran que, para comprender os mecanismos que xeran os movementos do ollo humano, así como as patoloxías asociadas, sería necesario enfocarse nas mesmas áreas cerebrais que controlan estes movementos nas lampreas».