A Rede CIGUS asiste ao Congreso INORMS 2025, o maior evento de xestores de transferencia mundial
12 de Maio de 2025
A Rede CIGUS estivo presente na última edición do Congreso da Rede Internacional de Sociedades de Xestión da Investigación (INORMS polas súas siglas en inglés) celebrado en Madrid os pasados 6,7 e 8 de maio, xunto a máis de 2000 profesionais da xestión en investigación
Este evento está considerado unha das maiores reunións mundiais de xestores e xestoras de entidades de investigación. A edición deste ano, baixo o lema “unha profesión sostible nun mundo sostible”, foi acollida por primeira vez na capital española pola European Association of Research Managers and Administrators (EARMA), a principal rede europea para xestores de investigación con máis de 9000 profesionais.
Durante os tres días do congreso no IFEMA, tiveron lugar decenas de conferencias e táboas redondas, nas que se debateron e traballaron temas diversos arredor do entorno investigador e da capacitación dos profesionais da xestión da investigación. Entre outras, as liñas clave do evento xiraban arredor da mellora dos servizos de xestión e administración da investigación (RMA), a gobernanza e regulación, valorización do coñecemento, a ciencia aberta ou as colaboracións transnacionais.
Este evento que acolle xestores de investigación de todo o mundo, foi unha oportunidade para a Rede CIGUS para tecer redes de colaboración, mellorar as estratexias e estar actualizadas nas últimas ferramentas para fortalecer os centros e entidades I+D+i, garantir a súa excelencia e dar forma ao futuro da investigación.
Fernando Casal, responsable de Asuntos Internacionais e Transferencia de Coñecemento do CiQUS que asistiu ao evento, afirma que “participar en iNORMS 2025 foi unha boa oportunidade para intercambiar experiencias con xestores de investigación de todo o mundo, coñecer boas prácticas tanto de xestión como de desenvolvemento profesional, e fortalecer redes de colaboración con outras institucións de acollida”.
O congreso tamén contou cunha sesión de presentación de pósteres de ideas innovadoras, traballos que reflexan as boas prácticas de xestores e administradores de investigación de todo o mundo, que serven de inspiración para os asistentes.
Ademais, entre as diferentes actividades do programa, tamén se abordaron debates de actualidade, en liña co programa de actividades que levamos a cabo dende a rede CIGUS, como o uso responsable da Intelixencia Artificial, a investigación ética e responsable e a implementación da inclusión, a igualdade e a diversidade (EDI) en proxectos de investigación e innovación.