A spin-off do CiTIUS InVerbis consolida o seu crecemento cun investimento de 400 000 €

17 de Abril de 2023

A spin-off do CiTIUS InVerbis consolida o seu crecemento cun investimento de 400 000 €

InVerbis, empresa tecnolóxica nacida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), centro da Universidade de Santiago que forma parte da Rede CIGUS, acaba de recibir un investimento de 400 000 euros do Concello de Lugo. Esta subvención provén do programa Lugo Transforma, o fondo de capital risco do Concello de Lugo, que pretende mobilizar 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade.

InVerbis Analytics, que xa recibira o apoio financeiro de Unirisco, o fondo de capital de risco das universidades galegas, e do Ministerio de Ciencia e Innovación a través do programa de axudas Neotec, segue desta forma consolidando o seu crecemento. Esta nova axuda permitiralle á spin-off do CiTIUS traballar a fondo en actualizacións do produto enfocadas á verticalidade de solucións intelixentes, así como desenvolver a súa comunicación e presenza internacional.

InVerbis Analytics

InVerbis é unha empresa de base tecnolóxica que comercializa unha ferramenta de análise e mellora de procesos que pode ser empregada tanto por empresas coma pola Administración pública. Un proxecto que se desenvolveu no seo da investigación realizada nun dos centros adscritos á Rede CIGUS, o CiTIUS da USC. Esta iniciativa contou co apoio económico do programa IGNICIA da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié.

O equipo de traballo de InVerbis compóñeno doutores, enxeñeiros con formación de posgrao e experiencia real en diversos sectores como sanidade, loxística ou servizos. A súa evolución está a ser especialmente positiva, sobre todo no mercado internacional. En menos de tres anos conseguiron desenvolver alianzas con importantes empresas internacionais de software como Denodo, TimeXtender ou CERNER, entre outras.

Subir ao principio Subir ao principio