Manuel Souto, investigador ERC, incorpórase ao CiQUS

25 de Outubro de 2023

Manuel Souto, investigador ERC, incorpórase ao CiQUS

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, suma talento científico ao incorporar ao seu equipo a Manuel Souto, que desde hai un ano conta co apoio do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha das súas prestixiosas axudas Starting Grant.

«Comezo esta nova etapa con moita ilusión e con moitas ganas de poñer en marcha o laboratorio e o novo equipo», comenta o Dr. Manuel Souto, quen chega desde o Instituto de Materiais de Aveiro (Portugal). «Estou convencido de poder achegar novas liñas de investigación, algunhas das cales son complementarias ás doutros grupos do centro, polo que espero colaborar con moitos deles e tamén contribuír ao posicionamento do CiQUS como un dos centros de referencia que desenvolve ciencia na fronteira do coñecemento».

Manuel Souto é o oitavo investigador do CiQUS que conta co apoio do ERC e o seu proxecto, ELECTROCOFS, é o duodécimo proxecto do centro avalado polo prestixioso organismo europeo. Ademais, o CiQUS sumou este ano unha importante axuda do Consello Europeo de Innovación (EIC), o que eleva aínda máis a capacidade do centro para levar a cabo proxectos altamente competitivos e de grande envergadura.

Subir ao principio Subir ao principio