María José Alonso, do CiMUS, entre as investigadoras máis influentes do ámbito nacional
9 de Marzo de 2023

María José Alonso é unha das principais investigadoras do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), membro da Rede CIGUS. A catedrática volveu situarse este ano como unha das profesionais con maior índice de citación académica de España.
A clasificación do índice-h (ISI-DIH), o indicador máis relevante do impacto das publicacións científicas dentro dunha área específica, outórgalle un índice-h 81, co que supera nun 59 % a puntuación media obtida polas case 500 investigadoras incluídas nesta lista en calquera dos ámbitos científicos indexados. Ademais, a profesora Alonso ocupa a primeira posición absoluta desta clasificación na área específica de Farmacoloxía e Farmacia.
O seu liderado dentro desta categoría foi unha constante nos últimos anos, o que sitúa a Alonso como unha das investigadoras máis influentes do país no seu campo. Ademais, trátase dunha das poucas excepcións nas que a lista dunha área de ciencias da saúde en España é encabezada por unha muller.
Sobre a traxectoria de María José Alonso
María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dentro da universidade, exerceu como vicerreitora de Investigación e Innovación da USC no período 2006-2010.
Alonso foi pioneira con numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. O laboratorio que lidera no CiMUS conta con máis de 30 anos de experiencia na formulación de macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en polímeros.
Ademais, coordinou numerosos consorcios de investigación financiados por organizacións como a OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea. Así mesmo, transferiu activamente os seus coñecementos á industria e foi inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas licenciada á industria.
A súa ampla e destacada traxectoria valeulle diversos premios e recoñecementos, como o Premio Nacional Juan de la Cierva na área de Transferencia Tecnolóxica e a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación, ambos os dous outorgados polo Goberno español. Tamén foi galardoada co Premio Rei Jaume I, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e outros premios de prestixiosas institucións e fundacións científicas.
A investigadora do CiMUS é membro do College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) e Fellow da Controlled Release Society; membro da Real Academia Galega de Ciencias, da Real Academia de Farmacia de Galicia, da Real Academia de Farmacia de España (RANF), da Real Academia de Medicina de Bélxica e da Academia Nacional de Medicina dos Estados Unidos (NAM); así como doutora honoris causa pola Universidade de Nottingham.