MICAP, o máster de HPC asociado ao CiTIUS, obtén a mención de calidade da Xunta de Galicia

19 de Maio de 2023

MICAP, o máster de HPC asociado ao CiTIUS, obtén a mención de calidade da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia acaba de outorgarlle unha das súas mencións de calidade ao Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (MICAP), selo de prestixio co que a Xunta distingue a excelencia deste posgrao. A noticia foi recibida con satisfacción polos responsables destes estudos, que confían en que este recoñecemento aumentará o atractivo do máster, axudará a fortalecer a capacidade de investigación e desenvolvemento na área e contribuirá a atraer talento.

Trátase dun máster no que participan diferentes institucións relacionadas co sector e no que o CiTIUS, membro da Rede CIGUS, xoga un papel protagonista: «tanto é así, que case todos os profesores do MICAP da USC están ou estiveron vinculados ao centro nalgún momento… incluíndome a min», chancea o seu actual coordinador, o profesor da USC Pablo Quesada, que recorda o seu pasado como estudante de doutoramento no CiTIUS e, máis recentemente, como investigador colaborador no centro.

«Ademais de todo o profesorado que achega, o CiTIUS tamén colabora con recursos informáticos, como clústeres HPC e GPU, que cobren TFM titorizados por profesores adscritos ao centro», continúa Quesada. «Por outro lado, tanto estudantes como profesores teñen acceso ao programa formativo do centro, que inclúe cursos de investigación ou competencias transversais, como charlas sobre emprendemento ou transferencia de tecnoloxía». O CiTIUS tamén colabora facilitando as prácticas do máster, ofrecendo as súas instalacións, así como diferentes recursos materiais e humanos», sinala Quesada, quen destaca que «esta mención de excelencia é froito do esforzo dos diferentes coordinadores que tivo o máster desde a súa creación; despois de todo, acabo de chegar, o traballo para lograr esta mención xa estaba feito», comenta.

Ademais do CiTIUS, este máster interuniversitario conta coa participación doutras institucións, entre elas o convenio de dobre titulación coa Cergy Paris Université (Francia). «Tamén son moi relevantes as achegas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a empresa Torus Software Solutions e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) que, ao igual que o CITIUS, forma parte de Rede CIGUS», conclúe.

Cinco anos investindo en formación

O Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (MICAP) impártese desde o curso 2018/19 e a súa misión é proporcionar unha formación profunda e detallada nas diferentes tecnoloxías utilizadas na área da computación de alto rendemento a futuros profesionais e investigadores na materia. Desde os seus inicios centrouse na ensinanza híbrida, na que se imparten clases presenciais e a distancia de forma simultánea.

O MICAP ten un convenio de dobre titulación co grao en Enxeñería Matemática da Cergy Paris Université (CY) e nel imparten clases 24 profesores, todos eles asociados á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á Universidade da Coruña (UDC).

Subir ao principio Subir ao principio