Nace a Rede CIGUS para potenciar a investigación de excelencia universitaria en Galicia
5 de Decembro de 2020

A Rede CIGUS, promovida pola Xunta de Galicia, busca fortalecer e potenciar a investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso da rexión Para iso, actúa como unha superestrutura que engloba os centros que contan co selo CIGUS, que se obtén a partir da superación dun rigoroso proceso de avaliación externa e que avalía a calidade e o impacto da súa investigación.
Baixo a marca CIGUS, que representa un modelo único en España, búscase vertebrar e visibilizar a investigación universitaria de excelencia desenvolvida na comunidade, apostando polo crecemento económico, o benestar social e o desenvolvemento futuro de Galicia.
Neste sentido, a misión da Rede CIGUS é posicionar e visibilizar a ciencia de excelencia universitaria realizada en Galicia no ámbito internacional, nacional e rexional a través dunha marca propia.
A Rede constitúese así como unha ferramenta de soporte aos centros para a súa mellora continua, que permite compartir boas prácticas, desenvolver modelos de xestión e marcos de referencia comúns, optimizar recursos, aumentar a súa visibilidade e potencial de captación de talento e xerar sinerxías entre os centros e con outros actores e sistemas de investigación.
Ademais, a Rede CIGUS permítelles aos centros ter unha capacidade de interlocución conxunta forte, converténdoos en potenciais actores clave do panorama de investigación nacional e internacional.
Centros CIGUS
Na actualidade son oito os centros das tres universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo) que contan co distintivo CIGUS:
- CITIC: Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña.
- CiQUS: Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela.
- CiMUS: Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela.
- CiTIUS: Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela.
- IGFAE: Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela.
- atlanTTic: Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
- CIM: Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
- CINBIO: Centro de Investigación CINBIO da Universidade de Vigo.
Financiamento da Rede CIGUS
A Rede CIGUS está financiada polo propio goberno autonómico a través dun convenio con FEUGA, entidade encargada da coordinación e xestión da actividade da Rede.
Os centros pertencentes á Rede reciben un financiamento plurianual directo da Xunta, canalizado a través das súas universidades. Este financiamento determínase en función do resultado obtido no proceso de avaliación ao que se someten os centros para acceder á Rede ou manter a súa permanencia nela.