Nace a Sociedade Española de Criobioloxía con sede no CIM

20 de Marzo de 2023

Nace a Sociedade Española de Criobioloxía con sede no CIM

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), un dos centros de investigación que forma parte da Rede CIGUS, é a sede da Sociedade Española de Criobioloxía (SECRIO) que se acaba de fundar, unha entidade que nace co obxectivo de agrupar a todos aqueles profesionais con inquietudes neste ámbito científico que estuda o comportamento de materiais e sistemas biolóxicos a baixas temperaturas.

A decisión de fundar esta nova institución parte do desexo de crear sinerxías entre investigadores e estudantes de diversas áreas científicas, tecnolóxicas e industriais que usan as técnicas criobiolóxicas no seu traballo. O obxectivo é incrementar o saber colectivo e o desenvolvemento no noso país sobre esta rama da ciencia.

A investigadora Estefanía Paredes, presidenta fundacional desta sociedade, é a artífice da súa creación. Despois dun tempo xestando a idea, esta púidose levar a cabo grazas á colaboración de investigadores da Universidade de Vigo, Universitat Autónoma de Barcelona, Universitat de València, Universitat Politécnica de València, Universidade de Sevilla, o Consello Superior de Investigacións Científicas, o Instituto Valenciano de Investigacións Agrarias e a empresa Overture Life.

A sede da institución atópase nas instalacións de Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT). Segundo expresa Paredes, o feito de que esta localización do CIM fose escollida como asentamento é un importante empuxón para a maior visibilidade do centro, a atracción de talento para colaboracións e o acceso a novas fontes de financiamento. Ademais, engade, o CIM será «o nodo central para a comunicación e interacción dos membros da sociedade e isto sempre enriquece a comunidade científica. Penso que vai ser moi positivo».

Subir ao principio Subir ao principio