Novo proxecto ERC Starting Grant no CiMUS liderado por Ismael González
10 de Setembro de 2025
O CiMUS, centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela e membro da rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema con excelencia científica acreditada— celebra a concesión dunha nova ERC Starting Grant ao seu investigador principal Ismael González.
O proxecto HypoPause, liderado por González, foi seleccionado na última convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC) e contará cun financiamento de 1,5 millóns de euros durante cinco anos. O obxectivo da investigación é estudar os cambios moleculares e celulares que se producen no hipotálamo durante a menopausa e comprender o seu papel nos mecanismos fisiopatolóxicos que provocan alteracións metabólicas.
O programa Starting Grant do ERC apoia a investigación máis punteira liderada por persoal investigador con traxectorias postdoutorais de entre dous e sete anos, e baséase exclusivamente na excelencia científica como criterio de avaliación. Cada proxecto pode recibir ata 1,5 millóns de euros por un período de cinco anos. Nesta edición, presentáronse un total de 3.928 propostas, das cales foron seleccionadas 478.
A través do seu proxecto, o investigador do CiMUS Ismael González García profundará nos cambios que se producen no hipotálamo durante a menopausa e que están detrás das alteracións metabólicas características desta etapa. Para iso, desenvolverase un plan de investigación baseado en técnicas de secuenciación de ARN, análise histolóxica en modelos preclínicos de menopausa e edición xenética in vivo. O obxectivo é determinar se existe unha disfunción nos mecanismos hipotalámicos que regulan o metabolismo e se esta explica os cambios na adiposidade, homeostase da glicosa e metabolismo óseo propios da menopausa.
Trátase dunha investigación con potencial impacto para un gran número de mulleres, nunha etapa vital que abarca cada vez máis anos.
Na mesma convocatoria da ERC Starting Grant, tamén foron seleccionados outros dous investigadores do sistema universitario galego. Por unha banda, Saray Busto, investigadora da Universidade de Santiago e adscrita ao CITMAga, que liderará o proxecto Supremum, centrado no desenvolvemento e estudo teórico de novos métodos numéricos que preserven a estrutura dos modelos hiperbólicos da mecánica de medios continuos. Por outra, Guillermo Lorenzo, investigador da Universidade da Coruña adscrito ao CITEEC —centro colaborativo da rede CIGUS—, desenvolverá o proxecto DIGIPRO, co obxectivo de crear xemelgos dixitais de pacientes con cancro que permitan predicir de forma personalizada a progresión tumoral e favorezan a súa detección en fases microscópicas iniciais.
Con esta nova resolución, Galicia suma xa 38 investigadores e investigadoras titulares dunha axuda ERC, con 47 proxectos concedidos, dos cales 35 se están a desenvolver en centros da rede CIGUS.