O aumento da humidade traerá máis precipitacións no sur e oeste da área continental mediterránea, segundo unha investigación do CIM
18 de Outubro de 2023
O grupo de investigación Environmental Physics Laboratory (EPhysLab) do CIM, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, publicou un artigo na revista Nature Communications no que conclúe que o aumento de humidade traerá máis precipitacións no sur e oeste da área continental mediterránea.
O artigo, titulado «Projected changes in atmospheric moisture transport contributions associated with climate warming in the North Atlantic», está asinado polo persoal investigador do CIM Luis Gimeno, Raquel Nieto, José C. Fernández, Albenis Pérez e Jorge Eiras, completando o equipo Stefan Rahimi, da University of Wyoming, dos Estados Unidos. Este artigo foi realizado no marco do proxecto Setestrelo, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.
«Actualmente sábese que o quecemento global —de forma conxunta cos cambios nos padróns de circulación atmosférica asociados a el— está a alterar a posición e intensidade das distintas fontes de humidade a escala global. Estas rexións fonte están caracterizadas por achegar máis auga á atmosfera da que reciben e son cruciais para o mantemento do ciclo hidrolóxico», sinalan os autores do traballo.
Proxeccións no escenario máis pesimista
O estudo centra o seu enfoque en dúas das principais fontes de humidade globais: o océano Atlántico Norte e o mar Mediterráneo, analizando a súa evolución ao longo das décadas restantes do século XXI para inferir a súa influencia sobre os continentes lindeiros a finais deste. A Península Ibérica, «sumidoiro de humidade especialmente relevante pola súa posición estratéxica», ten tamén un papel destacado neste estudo liderado por Luis Gimeno e Raquel Nieto.