O Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) recibe 1,6 millóns de euros logo da súa incorporación á rede de excelencia
24 de Outubro de 2024
O CRETUS, centro que forma parte da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, recibiu hoxe a visita do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.
Tras a súa incorporación este ano á Rede CIGUS de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, que aglutina os centros investigadores punteiros, o CRETUS contará cunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 1,6 millóns de euros para asegurar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027.
Durante a visita, José Alberto Díez, Carmen Cotelo e Antonio López coñeceron a nova estrutura científica do centro, composta por oito áreas de actividade en I+D: remediación e usos sostibles do solo, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelaxe, monitorización fisicoquímica, procesos sostibles e impacto socioeconómico e ambiental. A través destas áreas, o CRETUS traballa na combinación das capacidades das ciencias experimentais, sociais e de enxeñería cunha visión global, para abordar retos máis ambiciosos atendendo a un triplo enfoque: diagnóstico, tecnoloxía e impacto.
Actualmente, conta con 109 investigadores que traballan en proxectos enmarcados no programa Horizonte Europa, no de Transferencia de Coñecemento e noutros interdisciplinarios, entre os que destacan o deseño de tecnosolos para reducir os altos niveis de nitrato e fosfato en augas doces e salgadas, o aumento da capacidade de produción de peixe para o consumo humano no km 0 de cada cidade europea ou a procura dunha visión máis xeral de enfermidades ligadas á alimentación, entre outros.
Entre os seus investigadores atópanse dous científicos gañadores das axudas a proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC). Ambos perciben o apoio económico do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación.
Ademais, os representantes da Xunta de Galicia puxeron en valor o apoio do Goberno autonómico á propia Universidade de Santiago en materia de investigación. Esta universidade recibe un financiamento total de máis de 12,7 M€ para os cinco centros de investigación da Rede de centros de investigación universitaria de Galicia que conseguiron a acreditación en excelencia nesta última convocatoria.