O CICA presenta un informe cos resultados de 2023

24 de Maio de 2024

O director do CICA destacou que os resultados obtidos tamén amosan un camiño percorrido durante anos, o cal hoxe se recoñece grazas á incorporación do centro á Rede CIGUS

O CICA presenta un informe cos resultados de 2023

O CICA, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, realizou hoxe unha xornada para presentar os resultados obtidos polo centro durante 2023. Coma cada ano, este evento acompáñase da publicación dun extenso informe no cal se resumen as actividades desenvolvidas, a capacidade do CICA para atraer o talento investigador, así como a súa tendencia ascendente á hora de participar en proxectos nacionais e internacionais, o seu compromiso coa igualdade e outros aspectos éticos e a súa clara aposta pola comunicación e a divulgación da ciencia de cara á sociedade.

Ricardo Cao, reitor da Universidade, participou na inauguración do evento nunha xornada marcada pola recente acreditación do CICA dentro da Rede. Jaime Rodríguez foi o encargado de guiar este evento, explicándolles aos asistentes os aspectos máis sinalados do informe. Pola súa banda, o director do CICA destacou que os resultados obtidos en 2023 tamén amosan un camiño percorrido durante anos, o cal hoxe se recoñece grazas á incorporación do centro á Rede CIGUS. O reitor rememorou os tempos de creación do CICA, no ano 2015, cando el mesmo era vicerreitor de Investigación e Transferencia.

Unha aposta de futuro con base na excelencia

A proxección dun centro de investigación mídese, en gran parte, pola súa capacidade para atraer e reter o talento, algo que o centro, sen dúbida, potenciou nos últimos anos: mentres que no ano 2021 o CICA albergaba catro investigadores/as Ramón y Cajal, en 2023 a cifra de doutores contratados grazas a esta prestixiosa bolsa ascende a unha decena. A investigadora Vanessa López e os investigadores Juan Manuel Bermúdez e Juan Antonio Fafián son algúns dos novos talentos Ramón y Cajal incorporados ao CICA durante o pasado ano. Inmaculada Jénnifer Gómez e Israel Temprano, cunha bolsa do programa Beatriz Galindo, tamén se sumaron en 2023 á crecente lista de brillantes investigadores e investigadoras que trazarán o futuro do centro.

Durante o pasado ano publicouse un total de 178 artigos científicos, un 15 % máis ca en 2022. Ademais, tal e como comentou Rodríguez, case o 80 % destes artigos foi publicado nas revistas académicas mellor valoradas, aquelas que, dos catro cuartís existentes, están no primeiro cuartil, o cal amosa a calidade da investigación levada a cabo no CICA.

Subir ao principio Subir ao principio