O CIM consolida o seu liderado internacional con nove dos seus investigadores entre os máis citados do mundo
12 de Outubro de 2024

A edición 2024 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2 % Scientist recoñece a crecente capacidade investigadora do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo (CIM), centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditado a súa excelencia científica. En concreto, dos 43 investigadores da Universidade de Vigo que aparecen na clasificación tendo en conta o número de citacións ao longo da súa carreira, o 20 % pertence ao CIM. Trátase de Ricardo Beiras, Carlos Bendicho, Armando Caballero, Alejandro Crespo, Jorge Domínguez, Isela Lavilla, Emilio Marañón, Francisco Peña-Pereira e José Luis Soengas.
A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos «de primeiro nivel», é dicir, investigadores que se encontran no 2 % superior da base de datos Scopus, proporcionando a todos e cada un deles información de citas estandarizada, índice H, axustada por coautoría. Índice HM, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, que proporciona métricas con e sen autocitas. Ademais, a clasificación ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citacións ao longo da carreira de cada investigador coma unha clasificación baseada en datos do último ano, 2023. A primeira lista, coa traxectoria completa, contén 217 097 investigadores, mentres que a segunda, a relacionada con nomeamentos en 2023, inclúe 223 152 científicos. A clasificación inclúe tamén unha clasificación dos investigadores segundo os campos de coñecemento, un total de 22 campos científicos e 174 subcampos, segundo a clasificación estándar de Science-Metrix.
Se temos en conta as citas xeradas ao longo de 2023, o CIM aumenta a súa presenza na lista con 11 investigadores dos 50 da Universidade de Vigo que aparecen nela. Trátase de Ricardo Beiras, Carlos Bendicho, Armando Caballero, Alejandro Crespo, Jorge Domínguez, Moncho Gómez-Gesteira, Luis Gimeno, Isela Lavilla, Emilio Marañón, Elena Ojea, Francisco Peña-Pereira e José Luis Soengas.
Por outro lado, segundo a clasificación por áreas de coñecemento, entre os primeiros 500 de cada área encóntrase o profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM, Jorge Domínguez, no número 255 en agronomía e agricultura. Pola súa parte, o profesor do Departamento de Enxeñería Química José Manuel Domínguez ocupa o posto 332 en biotecnoloxía, o profesor Armando Caballero está entre os primeiros 500 en bioloxía evolutiva (477), así como o catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM Emilio Marañón no 487 no campo de bioloxía mariña e hidrobioloxía.
Estes datos ratifican a posición da investigación galega como líder en investigación de excelencia, recoñecendo a súa investigación de calidade que alcanza os máis altos estándares internacionais, contribuíndo significativamente ao avance do coñecemento no medio mariño no ámbito global.