O CIM contribúe a BlueAI no estudo ambiental das rías

6 de Febreiro de 2026

O CIM contribúe a BlueAI no estudo ambiental das rías

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, pertencente á Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica— participa no proxecto estatal BlueAI, unha iniciativa que emprega intelixencia artificial para analizar e mellorar o estado ambiental dos ecosistemas mariños costeiros. O CIM desenvolve este traballo en colaboración co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), centro interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e outras entidades españolas como a Universidade de Murcia, o Centro Oceanográfico de Murcia, a Universitat Politècnica de València e a Universidade de Salamanca.

BlueAI explora o uso da intelixencia artificial (IA) para a monitorización, análise e mellora do estado ambiental dos ecosistemas mariños costeiros, estudando dous casos: o Mar Menor e as rías galegas. A participación da UVigo está liderada por Bea Mouriño, investigadora do grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM, e por Marta Sestelo, investigadora de CITMAga e membro do grupo SiDOR. O equipo complétase con especialistas en oceanografía, modelización e análise de datos do CIM, CITMAga e outras institucións colaboradoras.

O consorcio conta cun financiamento estatal de 1,6 millóns de euros, dos cales 375.000 corresponden á UVigo. A investigación combinará datos históricos, observacións oceanográficas e modelos numéricos avanzados, tanto físicos como bioxeoquímicos, xunto con ferramentas de predición baseadas en intelixencia artificial co obxectivo de anticipar riscos ambientais e apoiar a toma de decisións na xestión dos ecosistemas costeiros.

BlueAI-UVigo achegará tecnicamente ao proxecto conxuntos de datos de alta resolución e escenarios preditivos relacionados coas proliferacións de algas nocivas, favorecendo a creación de sistemas de alerta temperá reforzados mediante intelixencia artificial. Estas ferramentas permitirán anticipar os impactos ecolóxicos e económicos destes eventos, tanto en Galicia como noutras rexións con características costeiras semellantes.

Subir ao principio Subir ao principio