O CIM e o CITIC estudan xuntos a contaminación lumínica nas rías de Vigo e Pontevedra
20 de Xullo de 2023

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC da UDC) estableceron unha colaboración estratéxica para estudar a contaminación lumínica nas rías de Vigo e Pontevedra. Ambas as institucións, pertencentes á Rede de centros de investigación do sistema universitario de Galicia (Rede CIGUS), se unen para avaliar o impacto da luz nocturna na produtividade biolóxica destes importantes ecosistemas.
Esta colaboración entre estes centros de investigación é un exemplo da creación de sinerxías dentro desta rede, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. «Este tipo de sinerxías son de grande importancia para abrir novas liñas de estudo vinculadas ás necesidades actuais da sociedade», explica Daniel Rey, director do CIM. Nesta mesma liña, insistiu en que «todo o persoal investigador implicado no proxecto, tanto do CIM coma do CITIC, ofrecerá a súa respectiva visión desde diferentes áreas de estudo para analizar a realidade na que se encontran as nosas rías actualmente».
Avances na transferencia do coñecemento
O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, afirma que «este proxecto supón outro avance na transferencia de coñecemento á sociedade desde o CITIC da UDC. Neste caso, ponse de manifesto a utilidade de determinadas solucións tecnolóxicas (un fotómetro) na industria do mar (produción de mexillón) no contexto de contaminación luminosa e, en definitiva, do desenvolvemento sostible».
Ademais, mostrouse satisfeito coa colaboración entre ambos os centros que permite «fusionar talento e coñecemento con centros e universidades de referencia, sumando valor en proxectos de longo percorrido e por poñer o noso traballo ao servizo da sociedade, o que demostra, unha vez máis, a nosa capacidade de resposta ás súas necesidades». «Proxectos coma este subliñan a importancia estratéxica de conectar centros de investigación como o CITIC e o CIM co tecido produtivo e social, unha conexión que debe ser impulsada desde as administracións como transmisora dos recursos públicos en beneficio de todos».
Medir a contaminación lumínica para frear o seu impacto
A contaminación lumínica, un problema en crecemento nos últimos anos, non só impide desfrutar do ceo estrelado, senón que tamén afecta a numerosas especies nocturnas e pode ter consecuencias prexudiciais para a saúde humana. O proxecto Gaia4Sustainability, coordinado polo CITIC da Universidade da Coruña e da Universitat de Barcelona, desenvolveu un modelo de brillo nocturno baseado nos datos do satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Ademais, crearon un fotómetro de baixo custo, chamado FreeDSM, para medir a contaminación lumínica de maneira estandarizada e accesible para a cidadanía.