O CIM liderará un novo grupo de traballo internacional de investigación sobre sustentabilidade oceánica impulsado pola rede CRUSOE

25 de Xuño de 2025

O CIM liderará un novo grupo de traballo internacional de investigación sobre sustentabilidade oceánica impulsado pola rede CRUSOE

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, pertencente á rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, coordinará xunto coa Universidade de Aveiro un grupo estratéxico de investigación que comezará neste 2025 co foco na sustentabilidade oceánica, innovación e cooperación científica.

Este grupo de traballo no eido Mariño e Marítimo liderado polo CIM está promovido pola Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE). Trátase dunha iniciativa co obxectivo de impulsar a investigación interdisciplinar e a sustentabilidade nos ecosistemas mariños.

A coordinación do grupo estará nas mans da catedrática Ana M. Bernabeu e do director do CIM, Daniel Rey, da Universidade de Vigo, e do investigador Ricardo Calado, da Universidade de Aveiro.

O grupo traballará en seis liñas de acción principais: investigación interdisciplinar; transferencia de coñecemento e tecnoloxía; mitigación e adaptación ao cambio climático; formación especializada; cooperación internacional e alfabetización oceánica. Encadrado na área de Bioeconomía e Biotecnoloxía para un Crecemento Azul, propón unha axenda ambiciosa arredor de prioridades como o impacto do cambio climático no océano, a restauración da biodiversidade mariña, a innovación en acuicultura e pesca sostible, a loita contra a contaminación, o desenvolvemento de enerxías renovables mariñas e a dixitalización de datos oceánicos, entre outros.

A forma de traballo será mediante subgrupos temáticos e unha metodoloxía común que facilite a creación de proxectos colaborativos, o acceso a financiamento europeo e a formación de mozos investigadores, fomentando ademais a publicación científica conxunta e a participación activa de actores públicos, privados e sociais. Unha nova estrutura de colaboración internacional que reforza o papel do CIM como referente en ciencia mariña e coa que, en palabras do director Daniel Rey, se quere dar un paso máis na cooperación científica e na procura de solucións reais aos grandes retos que enfrontan os nosos mares

Subir ao principio Subir ao principio