O CIM logra a primeira criopreservación mundial de xuvenís de mexillón de menos dun milímetro
12 de Agosto de 2025
Persoal investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, centro pertencente á rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— logra un avance pioneiro a nivel mundial no eido da acuicultura sostible.
Os investigadores Estefanía Paredes, Alba Lago e Jesús Souza Troncoso, do grupo Ecocost conseguiron desenvolver un protocolo eficaz de criopreservación para o mexillón Mytilus galloprovincialis que permite conservar por conxelación larvas en estadios avanzados e, por primeira vez, organismos mariños xuvenís de ata 1 milímetro de tamaño. O estudo, publicado na revista Scientific Reports, do grupo Nature, representa o primeiro caso documentado de criopreservación exitosa dun organismo mariño de gran complexidade e dimensións, situando o CIM como referente mundial neste ámbito.
Este avance científico adquire especial relevancia no actual contexto da miticultura europea, un sector en retroceso nas últimas décadas. De feito, a produción de mexillón na Unión Europea pasou de 600.000 toneladas en 1990 a 480.000 toneladas en 2016, debido a múltiples factores como a diminución do recrutamento natural, restricións nas zonas de extracción de semente, o aumento da temperatura mariña, o impacto do cambio climático e a exposición a contaminantes. En Galicia, onde M. galloprovincialis representa arredor do 60 % da produción mundial, a forte dependencia das fontes naturais de semente (mexilla) constitúe unha das principais limitacións do modelo produtivo tradicional.
Este estudo supón, por tanto, un fito no eido da acuicultura sustentable e podería reducir a dependencia dos bancos naturais. Estamos ante un importante avance técnico, pero tamén ante unha ferramenta estratéxica con aplicación directa na sustentabilidade mariña. Permite preservar larvas e xuvenís durante os períodos de alta dispoñibilidade, reducir a dependencia do recrutamento estacional da mexilla, conservar liñas xenéticas valiosas e apoiar a restauración de bancos naturais sobreexplotados. Trátase dunha solución científica que responde aos retos actuais da acuicultura e da conservación da biodiversidade.
Un fito na criobioloxía mariña con proxección internacional
Ata o de agora, os estudos de criopreservación en organismos mariños limitábanse ás primeiras fases larvarias ou a especies modelo como Drosophila melanogaster ou Danio rerio. Este traballo do CIM representa o primeiro caso documentado de criopreservación completa de todos os estadios larvarios dunha especie mariña, e único exemplo de éxito en fase xuvenil tanto terrestre coma acuático.
Entre os achados máis relevantes destaca a constatación de que a alimentación previa á criopreservación non só non prexudica o proceso, senón que mellora a supervivencia, o tamaño e a normalidade morfolóxica dos organismos conxelados, contradicindo ideas previas sobre o risco de formación de cristais de xeo en tractos dixestivos cheos. Estes resultados supoñen un avance metodolóxico de gran valor para futuros protocolos de conservación mariña. Os datos serán presentados no Congreso da Society for Cryobiology en Hannover do 21 o 25 de xullo.
A investigación foi realizada no marco do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, coordinado polo CIM e financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos NextGenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).