O CIM participa nun proxecto destinado a aumentar a resiliencia das zonas costeiras mediterráneas ao cambio climático
5 de Xullo de 2024

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, participa nun proxecto Interreg Espazo Mediterráneo. O proxecto, liderado pola investigadora Elena Ojea, está destinado a incrementar a resiliencia, o bo estado ambiental e o uso sostible dos recursos mariños nas áreas mariñas protexidas (AMP) desta área xeográfica.
O proxecto, denominado MPA4Change, está coordinado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e, ademais do CIM da UVigo, conta con outras nove entidades beneficiarias e 17 entidades asociadas de 12 países, desde Suecia, Reino Unido e Alemaña ata Tunisia, Marrocos, Malta e Croacia: toda unha rede internacional que traballa unida polo medio ambiente.
Os ecosistemas mariños mediterráneos e os medios de vida humanos que dependen deles estanse vendo afectados polo aumento da temperatura da auga, as vagas de calor, o aumento do nivel do mar e a acidificación e desosixenación dos océanos. Ademais, os efectos da sobrepesca, a perda de hábitat e a contaminación tamén están modificando a estrutura e o funcionamento dos hábitats mariños, cuxa perda de biodiversidade afecta os servizos que dependen da súa calidade, como a pesca ou a protección das costas. Neste contexto, MPA4Change pretende crear un plan de acción para as AMP mediterráneas para garantir a súa sostibilidade a longo prazo, así como transferir a aprendizaxe de proxectos anteriores de AMP no Mediterráneo ao Atlántico, de aí a participación do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O obxectivo final é aumentar a capacidade de adaptación ao cambio climático mellorando a eficacia das AMP e a súa restauración, mellorando a coordinación e a cooperación das partes interesadas e fortalecendo a concienciación e a cultura ambiental respecto do cambio climático.