O CIM participa nun proxecto europeo a grande escala que busca combater a perda de biodiversidade mariña
6 de Marzo de 2023
O grupo de investigadores e investigadoras de Future Oceans Lab do CIM
O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, que forma parte da Rede CIGUS, participa nun megaproxecto europeo co que se pretende avanzar no coñecemento e predición do impacto do cambio climático no ecosistema mariño. O grupo Future Oceans Lab, dirixido pola profesora Elena Ojea, é o que se sitúa detrás deste ambicioso e innovador proxecto. O seu obxectivo é proporcionar as ferramentas de coñecemento necesarias para lle facer fronte á perda de vida mariña, que se viu acentuada nos últimos tempos.
No proxecto, denominado ActNOW, Advancing understanding of Cumulative Impacts on European marine biodiversity, ecosystem functions and services for human wellbeing, participan 34 institucións de 17 países e dispón dun orzamento superior aos 10 millóns de euros. Desta cantidade, a partida que corresponde aos traballos do CIM é de 380 000 euros. Durante o mes de maio está prevista a realización da reunión de lanzamento nos Países Baixos, na que se definirá a metodoloxía e as estratexias de investigación que seguirá cada un dos grupos de traballo.
Este proxecto permitirá coñecer como os diferentes factores de estrés ambiental e humano impactan na biodiversidade, o que, a xuízo dos integrantes do Future Oceans Lab, facilitará o deseño de solucións de adaptación que sexan factibles e baseadas na ciencia para lle facer fronte á súa perda. «Tradicionalmente, a análise de riscos acumulados de diferentes factores foi relegado en ciencia pola súa complexidade, pero ActNOW quere suplir esta carencia facendo un esforzo colectivo», explican as investigadoras e investigadores vigueses implicados no proxecto. Nesta liña, consideran que o principal punto forte deste consorcio será, precisamente, que «poñerá en mans dos órganos de decisión e autoridades un coñecemento actualizado e ferramentas que lles permitan predicir o impacto de múltiples factores sobre a biodiversidade costeira e mariña, e sobre os servizos ecosistémicos, para unha mellor xestión e avaliación do impacto, que lles permitan ser máis resilientes aos rápidos cambios climáticos e ambientais».
A participación viguesa no proxecto xorde da colaboración e participación previa noutros proxectos e actividades científicas, como o proxecto FutureMARES, así como da participación de Ojea no último informe do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC). «Estas actuacións permitíronnos ampliar e mellorar o noso coñecemento e experiencia no campo da avaliación de riscos fronte ao cambio climático, dándolle unha maior visibilidade ao noso traballo, ademais de darnos a oportunidade de traballar con moitos dos investigadores que participan nesta nova iniciativa», recalca a investigadora, á vez que fai fincapé en que participar nun proxecto desta magnitude con socios de renome de índole internacional supón unha grande oportunidade. «Seguimos traballando con expertos de todo o mundo, o que permite unha maior visibilización e internacionalización do noso grupo e do noso traballo», expresa.
Desde o punto de vista destes investigadores e investigadoras as opcións de resposta que hoxe en día teñen os xestores para tentar recuperar ou, cando menos, manter a biodiversidade pasan por medidas de xestión baseadas na natureza. «Este tipo de medidas intentan imitar o funcionamento da natureza a partir de accións humanas, é dicir, son actuacións que os humanos poden facer para devolver a natureza a un estado san onde a biodiversidade recupere os valores previos ao impacto da actividade humana», explica Juan Bueno. Estas medidas poden ir, segundo vai detallando, desde unha simple delimitación dun espazo natural protexido ata unha restauración ou repoboación de especies importantes para o funcionamento do sistema, pasando tamén pola aplicación de regras de extracción con fundamento científico, «no caso da pesca, por exemplo».
Este tipo de solucións, ademais, adoita ter en conta, segundo recalcan os integrantes do Future Oceans Lab, coñecementos locais e tradicionais dos grupos sociais asociados aos ecosistemas en mellora, de maneira que supoñen unha compoñente social de alto interese. «Por suposto, pode haber outro tipo de medidas baseadas na tecnoloxía ou na conservación ex situ que poden ser moi eficaces e, en situacións concretas tamén precisas, pero con custos normalmente maiores», engade Bueno.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao amparo do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.