O CIM súmase a unha rede de servizos de investigación europeos destinados a afrontar o cambio climático

8 de Xuño de 2024

O CIM súmase a unha rede de servizos de investigación europeos destinados a afrontar o cambio climático

O CIM, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, forma parte dun proxecto europeo para a creación dun consorcio de infraestruturas de investigación. Faino a través da Estación de Ciencias do Mar de Toralla (Ecimat), co obxectivo de mellorar a capacidade de reacción da sociedade ante o cambio climático.

A finalidade desta rede é ofrecer servizos de acceso transnacional e virtual para persoal investigador de todo o mundo que traballa no estudo da adaptación e mitigación do cambio climático. O proxecto Iriscc (Iniciativa integrada de servizos de infraestrutura de investigación para riscos do cambio climático) tivo esta semana a súa reunión de lanzamento na cidade finlandesa de Helsinki, coa participación do CIM.

O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 14,5 millóns de euros do programa Horizonte Europa, está deseñado para comprender, abordar e mitigar os riscos do cambio climático en Europa. Ademais, permitirá impulsar a investigación interdisciplinaria sobre os múltiples riscos relacionados co cambio do clima para apoiar a formulación de políticas e decisións baseadas en evidencia e mellorar a resiliencia de Europa.

No Iriscc, organizado como unha rede de redes, participan 80 beneficiarios e entidades afiliadas de 21 países, que representan 14 infraestruturas de investigación europeas complementarias e máis de 80 provedores de servizos de infraestruturas de investigación nacionais.

O CIM forma parte do proxecto a través de Ecimat, como parte da infraestrutura de investigación europea EMBRC-ERIC (Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños). En concreto, os investigadores Pablo Serret, Cristina Sobrino e María Aranguren traballarán nunha recompilación de servizos que permitirán avaliar o risco para a biodiversidade e o funcionamento dos ecosistemas mariños provocado pola acidificación, o quentamento e a desosixenación dos océanos. Así mesmo, investigadores tanto de Ecimat coma do CIM ofrecerán os seus servizos para realizar un traballo colaborativo sobre os riscos do cambio climático e a súa mitigación a través do acceso transnacional.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea, a través do seu cofinanciamento no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Subir ao principio Subir ao principio