O CIMUS acolle a charla titulada «Revistas depredadoras, non te convertas na súa presa»
19 de Maio de 2023

O CIMUS, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra aqueles centros cunha calidade e un impacto da súa investigación que foron acreditados pola Xunta de Galicia,ofrece unha charla na que busca poñer de manifesto se a ciencia tamén pode ser vítima da fraude e que existen publicacións pseudocientíficas que avalan artigos falsos, carentes de evidencia empírica ou de baixa calidade.
Para iso, conta coa investigadora de Epidemioloxía e Saúde Pública da USC Cristina Candal, que ofrece a conferencia «Revistas depredadoras: non te convertas na súa presa», na que aborda a liña central da súa tese de doutoramento: a mala conduta científica. Sobre como detectar este tipo de revistas, tamén coñecidas como pseudo journals, como escapar delas e apuntar algunhas recomendacións que deberían seguirse para preservar a integridade da ciencia, falará no CiMUS invitada polo grupo que dirixe Pablo Aguiar, Molecular Imaging BIomarkers and Pharmacokinetic Modelling.
Retrato robot das revistas depredadoras e áreas máis ameazadas
Non sempre é sinxelo detectar este tipo de publicacións pola súa «aparencia», explica a investigadora Cristina Candal, que as describe como «aquelas que seguen un modelo de negocio baseado na publicación de manuscritos científicos en Open Access (ou acceso aberto), sen proporcionar as garantías de calidade que deberían ofrecer as revistas científicas estándar». As revistas depredadoras priorizan o seu propio beneficio antes ca a calidade dos artigos que publican. De feito, caracterízanse polas súas dubidosas prácticas editoriais, falta de transparencia, solicitude de artigos científicos a autores vía correo electrónico e ausencia dun proceso rigoroso de revisión «por pares». En xeral, son difíciles de identificar porque pasan perfectamente por revistas lexítimas. «Incluso algunhas lograron indexarse en bases de datos científicas tan coñecidas e usadas como Pubmed», sostén Candal.
As áreas máis susceptibles de caer nas súas redes son as coñecidas como STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). En particular, o ámbito da medicina estase vendo especialmente impactado. Non obstante, tamén se identificaron noutras áreas de coñecemento, como economía. «O máis probable é que este tipo de revistas existan en practicamente todos os campos de coñecemento, aproveitándose do movemento Open Access», engade a investigadora da USC.
Mala praxe e como corrixila
As revistas depredadoras relaciónanse directamente coa modalidade de publicación Open Access, polo que moita xente non distingue entre unha e outra. Isto supón un problema para o movemento Open Access e as revistas adscritas a esta modalidade que, aos ollos dalgúns investigadores, son sospeitosas simplemente por ser Open Access. «Cómpre lembrar que o feito de que unha revista sexa Open Acess non quere dicir que sexa depredadora nin que sexa de peor calidade ca as revistas que publican baixo un modelo de subscrición», aclara Cristina Candal.
Existen diferentes ferramentas e checklists que lles permiten aos investigadores saber se unha revista é fiable ou non. Malia ser certo que ningunha das ferramentas dispoñibles polo momento pode identificar inequivocamente unha revista depredadora, si que poden dar pistas nas que basearnos para decidir onde publicar os nosos artigos. Unha das máis utilizadas probablemente sexa a de Think. Check.Submit, que é moi intuitiva e ademais está en varios idiomas.
Hai diferentes formas de comprobar que unha revista Open Access é lexítima e, polo tanto, non depredadora. Por exemplo, unha forma fácil e rápida é comprobar se a revista está indexada no directorio de revistas de acceso aberto (Directory of Open Access Journals-DOAJ), xa que para estar incluídas nesa base teñen que cumprir con certos criterios, como levar a cabo un control de calidade rigoroso dos artigos que publican.
A ciencia está sendo vítima de prácticas fraudulentas, non só polas revistas depredadoras, senón tamén polas chamadas «fábricas de artigos» ou paper mills. «Un novo tipo de estafa que ameaza a integridade da ciencia. O máis probable é que sigan xurdindo novas modalidades de fraude a medida que a publicación científica avanza, e as fábricas de artigos son soamente un exemplo», a xuízo da investigadora de Epidemioloxía e Saúde Pública. É necesario, polo tanto, mellorar a educación en integridade científica, especialmente nos graos e posgraos de ciencias da saúde, así como cambiar o sistema de avaliación dos investigadores, co obxectivo de previr que xurdan novos tipos de fraude en publicación científica. «Tamén é importante que exista un mecanismo que manexe a mala conduta científica e que impoña sancións, no caso de ser necesario, para estes investigadores que incorren neste tipo de prácticas», conclúe a experta.