O CINBIO organiza a primeira edición do festival científico CinVigo
27 de Febreiro de 2023

A Porta do Sol de Vigo énchese de nenos e nenas que gozan dunha das actividades de CinVigo
A céntrica praza da Porta do Sol de Vigo albergou a penúltima fin de semana de abril un festival de ciencia único en Galicia, organizado polos investigadores do Centro de Investigación en Nanomateriales e Biomedicina (CINBIO), entidade da Universidade de Vigo que forma parte da Rede CIGUS. CinVigo, como se coñece esta feira científica, albergou 55 postos con proxectos científicos realizados en centros educativos galegos, entre outras actividades. Esta proposta de divulgación e promoción científica busca achegar ás rúas da cidade a actividade que día a día se fai nas instalacións do centro. Unha iniciativa que se enmarca no propósito da Rede CIGUS de situar e visibilizar a ciencia de excelencia realizada en Galicia no ámbito internacional, nacional e rexional, así como de promover o talento no ámbito científico.
Baixo o lema «Ciencia na rúa», o centro de Vigo converteuse nun auténtico laboratorio científico no que público de todas as idades puido coñecer de primeira man o labor investigador dos profesionais de CINBIO. «Como centro de investigación de referencia, o noso obxectivo fundamental é multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico, innovación e formación de profesionais. Por iso, con iniciativas coma esta, intentamos espertar vocacións e aumentar a cultura científica da sociedade, co fin de poñer en valor a ciencia e asegurar o futuro da investigación», resalta Miguel Correa, director do centro e membro do comité organizador do evento. Esta será a primeira edición dun evento que nace con vocación de continuidade, co obxectivo, recalca Correa, de que «CinVigo se converta nun evento anual de referencia en Vigo no que a ciencia sexa a protagonista».
Feira científica escolar
Un dos pratos fortes do programa foi a feira científica, na que arredor de 200 mozos da ESO e bacharelato presentaron os seus proxectos e competiron polos premios finais. En total, expuxéronse 55 traballos desenvolvidos en 27 centros educativos de toda Galicia. Nos postos, os estudantes puideron mostrar os seus experimentos e ofrecer explicacións a todo aquel que se achegase a coñecelos.
Os proxectos participantes foron seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal investigador do CINBIO, a través dun concurso aberto a todos os centros que imparten secundaria e bacharelato, e ofrécense tres niveis e categorías de participación: Early Researchers, para estudantes de primeiro e segundo da ESO; Young Researchers, para terceiro e cuarto da ESO, e Teen Researchers, para alumnado de primeiro e segundo de bacharelato.
Os premiados desta primeira edición foron os alumnos de San José de Ourense na categoría Early Researchers polo seu proxecto «A viabilidade da repoboación forestal en bosques queimados mediante heeliseeding ou bombas de sementes», polo que recibiron unha consola de agasallo; os estudantes do IES Carlos Casares, que terán a oportunidade de participar noutra feira científica por quedar primeiros na categoría Young Researches co seu prototipo de coche pila; e os alumnos do IES A Guía de Vigo, que se beneficiarán dunha matrícula universitaria gratuíta e unha tableta como premio polo seu proxecto «Investigadores por uns días» na categoría Teen Researchers.
Actividades para toda a familia
O resto do programa compuxérono actividades moi variadas, desde talleres científicos infantís ata espectáculos de maxia, monólogos e unha xincana para poñer a proba o saber científico dos máis novos.