O CiQUS á vangarda da investigación de novas técnicas de inmunoterapia contra o cancro da man da industria

24 de Marzo de 2023

O CiQUS á vangarda da investigación de novas técnicas de inmunoterapia contra o cancro da man da industria

Imaxe: Darko Stojanovic

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, membro da Rede CIGUS, continúa traballando activamente na investigación de novas estratexias de inmunoterapia contra o cancro. Faino da man de empresas da industria farmacéutica e biotecnolóxica, a través dunha ampla gama de proxectos en colaboración con distintas empresas do sector. Unha destas alianzas é a que mantén desde 2020 coa Agrupación Industrial Tecnolóxico-Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). O obxectivo deste acordo de colaboración é conectar o talento investigador co tecido empresarial para desenvolver novos produtos e servizos e xerar novos postos de traballo cualificados.

Na última convocatoria de axudas para a colaboración público-privada da Axencia Estatal de Investigación (AEI), destinada a apoiar proxectos de desenvolvemento experimental en cooperación entre empresas e organismos investigadores, o CiQUS obtivo financiamento para seguir avanzando nos seus proxectos de colaboración coas entidades privadas.

Un deles é o proxecto CAPN-IO, liderado por Eddy Sotelo, investigador do CiQUS, coa participación de varios equipos internacionais. A farmacéutica Landsteiner Genmed capitanea este consorcio, integrado tamén por equipos do Centro Nacional de Biotecnoloxía e do Instituto de Investigación Hospital 12 de Octubre. Este traballo, que se atopa actualmente na fase de estudos preclínicos, demostrou que o bloqueo de receptores A2B de adenosina permite reactivar o sistema inmunitario devolvéndolle a súa efectividade na loita fronte aos tumores. Os resultados, publicados en 2022 na revista Journal for Immunotherapy of Cancer, supoñen un paso importante para o avance das técnicas de inmunoterapia contra o cancro, nas que o CiQUS leva traballando intensamente durante os últimos anos.

Nesta liña, tamén destaca o proxecto PREDICTEAM, que aborda o desenvolvemento de novos métodos de diagnóstico e medicina personalizada para combater esta enfermidade desde a inmunoterapia. A biotecnóloga Hawks Biosystems lidera este consorcio no que tamén participan Celtarys Research e investigadores da Universidade de Navarra.

Subir ao principio Subir ao principio