O CiQUS acada o selo María de Maeztu

11 de Maio de 2026

O CiQUS acada o selo María de Maeztu

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, pertencente á Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación con acreditada excelencia científica- foi distinguido como Unidade de Excelencia María de Maeztu, segundo a resolución provisional do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Nesta convocatoria, o Ministerio destinou 77,5 millóns de euros para financiar centros e unidades que destacan polo seu impacto científico e liderado internacional, entre os que se atopa o CiQUS.

Con esta acreditación, xa son tres os centros vinculados á Rede CIGUS que contan con este selo: o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), que foi o primeiro centro galego en obtelo en 2017 e renovou a distinción en 2023, e o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), que o obtivo en 2025. Este novo resultado reforza a posición do sistema galego de I+D+i en convocatorias altamente competitivas a nivel estatal.

A acreditación implica un financiamento aproximado de 3 millóns de euros para os vindeiros catro anos. Este apoio está orientado a reforzar a organización e planificación científica dos centros, así como a súa proxección internacional e a súa capacidade de atracción de talento.

Desde a súa creación en 2010, o CiQUS desenvolveu un modelo de investigación interdisciplinar de alto impacto, integrado por 19 grupos de investigación e cunha destacada capacidade de captación de financiamento competitivo. A súa actividade internacional reflíctese na obtención de 19 proxectos do European Research Council (ERC) e na súa participación en iniciativas do European Innovation Council (EIC), centradas na transferencia de coñecemento e no desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas.

Este recoñecemento reforza a traxectoria do centro e o seu papel no sistema científico galego. Os centros da Rede CIGUS consolidaron un modelo de investigación de alto nivel, como demostra a obtención do selo María de Maeztu por parte de varios deles, que confirma a solidez do sistema galego de I+D+i en convocatorias esixentes. O CiQUS pasa así a formar parte dun grupo reducido de centros con este mesmo nivel de excelencia científica.

Subir ao principio Subir ao principio