O CIQUS desenvolve unha nova metodoloxía para a formación de benzazepinas, unha molécula bioactiva de grande interese
2 de Decembro de 2022
Un novo estudo, que se acaba de publicar na revista JACS por investigadores da Rede CIGUS a través do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), describe unha metodoloxía nova que permite a formación dun deses enantiómeros das benzazepinas utilizando unha ruta curta, eficiente e respectuosa co medio ambiente.
As benzazepinas son moléculas que están presentes nunha gran variedade de produtos naturais e fármacos. Moitos destes compostos presentan quiralidade e, polo tanto, existen en dúas formas enantioméricas. Acceder de forma selectiva a un dos enantiómeros representa un reto científico de alcance e normalmente necesítanse moitas etapas para conseguilo. «O método que presentamos baséase na activación selectiva de enlaces carbono-hidróxeno (C-H) por un catalizador organometálico formado por paladio e un novo ligando quiral que desenvolvemos no noso laboratorio» explica o profesor Moisés Gulías, un dos directores do estudo.
O traballo, desenvolvido polos estudantes de doutoramento José Manuel González e Xandro Vidal, e codirixido polo profesor Mascareñas, conta, así mesmo, coa colaboración do doutor Manuel Ortuño, tamén do CiQUS e, polo tanto, da Rede CIGUS, experto en química computacional. Espérase que o descubrimento deste novo ligando quiral facilite o desenvolvemento doutras transformacións que implican a activación enantioselectiva de enlaces C-H. Ademais, a metodoloxía permite acceder a bibliotecas de derivados quirais de benzazepina con novas propiedades biolóxicas.